Segue activo o incendio de Trabada e quedan estabilizados os catro de Foz

Desesperación entre a veciñanza de Trabada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O último balance ofrecido ás 09.30 horas deste sábado pola Consellaría do Medio Rural mantén invariábel o estado e a superficie afectada deste incendio.

O incendio forestal que desde esta quinta feira afecta o municipio de Trabada (A Mariña) e que arrasou máis de 1.200 hectáreas continúa activo á primeira hora deste sábado.

O último balance ofrecido ás 09.30 horas deste sábado pola Consellaría do Medio Rural mantén invariábel o estado e a superficie afectada do incendio de Trabada, que ameazou casas, obrigou a cortar estradas -incluída a A-8- e alcanzou ao concello veciño de Ribadeo.

Así, a Xunta sinala que o lume "evoluciona favorabelmente", o que permitiu desactivar na tarde desta sexta feira a 'situación 2', nome polo que se coñece o protocolo de actuación en caso de perigo para núcleos habitados pola proximidade das lapas.

Desde o seu inicio -a Xunta da Galiza apunta á intencionalidade como causa principal-, traballaron na zona seis técnicos, 58 axentes, 78 brigadas, 57 motobombas, tres pas, cinco unidades técnicas de apoio, un tractor, seis avións e tres hectáreas.

Estabilizados en Foz

Ademais, os catro lumes próximos que afectan o concello de Foz están estabilizados desde a mañá deste sábado, segundo trasladou Medio Rural.

Entre os catro focos suman un total de 70 hectáreas de superficie afectada polas lapas na zona Santo Acisclo do Valadouro e Santa Cilla do Valadouro, onde operaron para sufocar o incendio dous técnicos, 21 axentes, 18 brigadas, 17 motobombas, unha pa e un helicóptero.