Segue a campaña contra o ''desmantelamento'' de centros de Benestar o mesmo día en que fecha un en Ferrol

O BNG leva ao Parlamento unha proposición non de lei para frear a xestión privada e a perda de empregos que foi rexeitada polos votos en contra do PP. Até 200 postos de traballo están na corda bamba, 180 deles dependentes da consellaría de Traballo

O Comité de Traballo e Benestar da Coruña sacou adiante nesta quinta feira unha nova acción no marco da campaña permanente posta en marcha hai algo máis de tres meses contra a destrución de 260 postos de emprego que, segundo alertan, levará adiante a Xunta de Galiza. Deles, un total de 180 pertencen á consellaría de Traballo. "É paradoxal que un organismo público se dedique a destruír parte do seu entramado público", criticou Héctor Sánchez, delegado do comité.

Coas dúas concentracións fixadas para hoxe, nas escolas infantís do Ventorrillo e das Mariñas, @s traballador@s que dependen da consellaría de Traballo e Benestar protestaron contra todas as medidas que implican maior precariedade laboral, perda de dereitos sociais, destrución de emprego e o deterioro da calidade asistencial das persoas usuarias dos servizos públicos, así como polo "desmantelamento" de máis un centro, o Centro de Menores Soutomaior, en Ferrol, que esta mesma quinta fechou as portas.

As protestas dest@s traballador@s chegaron até o Parlamento galego. Unha proposición non de lei presentada polo BNG instou á Xunta a paralizar a xestión privada e pór fin á destrución de postos de traballo nos centros dependentes do departamento que dirixe Beatriz Mato. Alén disto, o texto que defendeu o deputado nacionalista Manuel Parga reclamaba a reapertura dos centros que foron fechando. Mais os votos en contra do PP impediron que saise adiante.



A día de hoxe, os centros afectados son os de menores de Montealegre en Ourense, o de maiores de Barbadás, o "peche encuberto" de centros de menores como o de Soutomaior ou A Carballeira, a residencia de maiores de Volta do Castro en Santiago, a residencia de tempo libre do Carballiño, as escolas infantís de Marín e Antela, centros de atención á diversidade funcional da Coruña, Sarria e Redondela, alén dos distintos equipos de valoración.