A secundaria logra máis docentes para a volta ás aulas

En Compostela, o profesorado reivindicou o ensino presencial e seguro. (Arxina)
Novo xiro de timón. Pasados dous meses do seu primeiro protocolo e con novo titular á fronte, a Consellaría de Educación vén de anunciar a contratación de profesorado para permitir o desdobramento nas aulas de secundaria, unha das principais reivindicacións da comunidade escolar que levaron á convocatoria de dúas folgas e repetidas protestas, a última das cales reclamou esta cuarta feira, 16 de setembro, un ensino presencial e seguro nas principais poboacións galegas. A medida, segundo afirma agora a Xunta, servirá para cumprir as medidas que demandan os centros para adaptarse ao contexto da Covid-19. 

No mesmo día no que debía ter comezado o curso en Secundaria, Bacharelato e FP, o novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou esta cuarta feira novidades de cara á volta ás aulas nestas etapas, que se producirá, se non hai nova orde, o vindeiro día 23.

Após a reunión semanal do comité clínico que asesora o Sergas, Rodríguez avanzou a contratación e incorporación "inmediata" de 847 docentes de ensino secundario, dirixida a cumprir os desdobres de aulas e as medidas solicitadas polos centros de ensino para adaptarse á situación sanitaria e poder manter as distancias recollidas no protocolo da Xunta para a adaptación do curso escolar ao contexto da Covid-19, que desde o 31 de agosto estabelece para estas etapas –non en Infantil e Primaria– 1,5 metros, tal e como viña reclamando a comunidade escolar e despois de varios bandazos da Administración educativa galega. 

A xuntanza co comité clínico tamén serviu para incluír novas modificación ás instrucións remitidas aos centros educativos para incluír, segundo informou o conselleiro, a posibilidade de que os institutos poidan optar á formación semipresencial en Bacharelato ou reducir esa distancia interpersoal dentro da aula mediante a instalación de mamparas.

Segundo puntualizou Rodríguez, estes recursos servirán para "dar solución a problemáticas específicas" e usaranse nos casos onde haxa problemas para realizar os desdobres; nese sentido, adiantou que a Xunta está preparando a dotación das separacións de protección para os casos concretos nos que sexan necesarias.

Mamparas e docencia semipresencial

O anuncio, que ademais de coincidir no tempo coa data oficial para o inicio do curso nas etapas superiores producíase o mesmo día en que o profesorado protagonizaba nunha vintena de localidades galegas concentracións contra a xestión da Xunta no proceso de volta ás aulas, convocada pola CIG, CCOO, STEG e CSIF e secundada polas dúas confederacións de ANPA de centros públicos –Anpas Galegas e Confapa– e as organizacións estudantís Erguer e Anega, corrixe as anteriores instrucións enviadas aos centros.

Hai só unha semana, os equipos directivos recibiron por parte da Inspección Educativa a comunicación das últimas decisións adoptadas pola Consellaría, nas que se incidía no emprego de mamparas de separación como mecanismo para reducir a distancia estipulada de 1,5 metros e se avogaba pola docencia semipresencial no Bacharelato.  

Porén, e malia o último anuncio de contratación, sindicatos como a CIG denunciaron un "trato discriminatorio" na concesión deste profesorado aos distintos centros de ensino galegos para cubrir as necesidades de desdobre de aulas, que se comezou a comunicar nesta semana, e que coñecerá ao completo mañá, cando se faga pública a adxudicación definitiva do concurso de Secundaria, que chega tamén con máis dunha semana de atraso.

"O problema agora é de desigualdade. Hai centros que teñen concedidos todos os desdobres que solicitaran e outros que non teñen nin a metade. A tónica xeral parece ser que naqueles centros onde os problemas de espazo levan á semipresencialidade, esa vai ser a solución. Pero hai outros nos que as direccións constataron a dispoñibilidade de espazo para evitar o ensino semipresencial onde tamén se lles impón", exemplifica Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, o sindicato maioritario no sector educativo.

A organización sindical contabiliza unha ducia de institutos nos que, á vista de concesión de docentes que está a ser notificada, será preciso o uso de mamparas e perto dunha quincena que deberá optar pola modalidade semipresencial, polo que demanda da Xunta criterios uniformes na dotación do persoal docente e a primacía da educación presencial con distancias interpersoais de 1,5 metros en todos os niveis, reivindicación que sustentan a folga convocada para o día de volta ás aulas na Secundaria e o Bacharelato e en contra das políticas educativas  de "custo cero"

"Improvisación"

"O que se está demostrando é unha improvisación total", censura a docente Alexandra Cabana, portavoz da plataforma Profesorado en Pé, quen alerta do "enorme estrés" que os repetidos cambios de criterio na Xunta para este inicio de curso está a supoñer para os equipos directivos encargados de adaptar os centros ás sucesivas directrices e tamén para o profesorado, incluído o que, a día de hoxe, aínda descoñece o seu destino. "Para a conciliación é tremendo", observa. 

Especialmente grave é, ao seu ver, o caso daqueles institutos que tiveron que realizar reformas para adaptar os seus espazos ao metro e medio de distanciamento, despois de ter deseñado en agosto un protocolo adaptado ás distancias, dun metro, que estipulaba a primeira planificación da Xunta, que foi remitida aos centros o 22 de xullo.

"Hai centros nos que houbo que tirar tabiques dunha semana para outra, quitar armarios e buscar sitio onde fose para adaptarse ao protocolo. Despois volven cambiar a norma para primar as mamparas, con bibliotecas e salóns de actos xa reconvertidos. Estase tirando ao lixo o que se traballou no verán. E agora hai que facer os horarios, os protocolos de acollida para o novo profesorado... Imos contrarreloxo e a tensión é enome", lamenta, logo de saudar a "unidade" da comunidade escolar na defensa dunha volta ás aulas presencial e segura.

A docente pon o foco no funcionamento da Educación Primaria e Infantil para facer previsión do que ocorrerá coa reincorporación do alumnado das etapas superiores.

"Dubidamos de que a volta poida darse con garantías", aventura, á vista das "tensións" que se están a producir nos CEIP polas disfuncións do protocolo en cuestións como a sinalización ou a entrada e saída dos centros e polo aumento de casos positivos, sen que a aplicación EduCovid, posta en marcha pola Xunta para comunicar os contaxios, funcione aínda.

Como denuncia, Educación aínda non  realizou tampouco a formación do profesorado para a adaptación á unha eventual teledocencia e a que se realizou, de tipo sanitario, fíxose "sen poder facer uso da aplicación. 

Unha aula de Melide, en folga polas carencias en Primaria

A reivindicación común dos sindicatos educativos para estender a ampliación do distanciamento nas aulas a todas as etapas e réximes educativos tería evitado a situación que vive o alumnado de terceiro de Primaria do CEIP número 1 de Melide, que leva desde principio de curso sen asistir ao centro en protesta polas deficiencias da súa aula, onde, segundo denuncian as familias, resulta imposíbel manter unha distancia segura.  

"Puxémonos en contacto coa Xefatura territorial, que polo de agora non nos contestou. O que reclamamos é un espazo maior e que nos devolvan a coidadora que retiraron, porque é un curso con 25 menores nos que hai cinco con patoloxías de risco", resume Fina Cea, unha das nais que desde o pasado día 14 mantén no centro protestas diarias para tratar de mellorar a situación deste alumnado.

Como expón, a solución que se lles ofrece é trasladar as crianzas a unha aula de música, unha alternativa que sería válida de non ser porque o espazo tamén é empregado por outro alumnado, que se vería privado do uso da aula. "Para nós valería, pero deixa fóra o resto de escolares", razoa Cea.

Na mañá desta cuarta feira, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas 'Mini', visitou o centro para coñecer de primeira man a situación destas 25 familias e trasladar o apoio á súa petición de desdobre nesta aula e para a recuperación da coidadora, para o que anunciou unha iniciativa no Parlamento galego.

"Esta é unha mostra máis da improvisación e os bandazos nun inicio de curso que o goberno do PP tivo seis meses para preparar e adoptar as medidas necesarias diante da situación de pandemia que estamos a vivir", criticou o deputado nacionalista.