O sector pesqueiro galego critica que Bruxelas "impoña" o veto a "70% da frota" do Gran Sol

Frota de Celeiro, no concello de Viveiro. (Foto: Europa Press)
O representante dos armadores vigueses sinalou que esta medida afectará a unha zona tan dependente do sector pesqueiro como a Galiza.

O presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, censurou esta cuarta feira que Bruxelas "impoña da noite para a mañá" un veto a todas as actividades de pesca de fondo, tales como arrastre e palangre, en 94 zonas de Francia, Estado español, Portugal e Irlanda.

Touza sinalou que "sobre 70% da frota" de 88 pesqueiros españois en Gran Sol pode estar afectada por esta decisión "inoportuna".

En declaracións a Europa Press, Touza sinala que a intención da Comisión Europea de seguir adiante coa proposta da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) para "implementar estas medidas cara a finais de ano ou principios do ano que vén" suporía unha "moi mala noticia" polo "forte impacto desde o punto de vista socioeconómico" para segmentos de frota en Gran Sol.

"Especialmente o palangre e de fondo que se vai a ver moi danado", detallou, "pero extensíbel á frota de arrastre e litoral".

"Hai que ver a letra pequena"

O presidente de ARVI indicou que "hai que ver a letra pequena" e agardar pola opinión de Reino Unido, "xa solicitada", mais lamenta que esta decisión "supón un paso adiante na política medioambientalista" ao "custo que sexa".

Recriminou que a visión "medioambientalista" estivese "moi por enriba" da situación socioeconómica en zonas altamente dependentes da pesca como a Galiza. "Esta medida vai ter moitísimo impacto especialmente na frota da Mariña", avisa.

Igualmente, Touza queixouse dunha "falta absoluta de sensibilidade co sector", a pesar de ser recoñecido como básico durante a pandemia. Para o armador, nun momento de "profunda crise" pola inflación, con especial incidencia en combustíbeis, realízase "unha medida por trámite de urxencia que a Comisión decidiu pór en marcha".

"Só solicitamos que as medidas que se adopten a nivel político sexan previamente acordadas co sector", razoou, ao tempo que chamou a "estudar" se é necesario estabelecer zonas de protección en certas zonas, sempre que haxa "informes científicos que o avalen".