O sector do mar de Arousa oponse á mina de Touro

Veciñanza oposta á mina de cobre nun pleno do Concello do Pino o pasado mes. Foto: cedida.

O mar de Arousa ergue a voz en contra da reapertura da mina de cobre de Touro. A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa -que xunta confrarías, agrupacións de bateeiros e asociacións de mariscadoras- amosou a súa oposición ao proxecto mineiro. “Os terreos e os cursos da mina drenan cara ao río Ulla”, sinala a organización nunha folla informativa, “e toda a contaminación da mina ira infiltrándose cara á ría de Arousa”.
 

A plataforma ofreceu o pasado sábado unha comparecencia de prensa en que se referiu ás “graves consecuencias” da reapertura. A empresa mineira, Atalaya Mining -con sede en Chipre e participada por fondos de investimento e compañías suízas e chinesas-, admitiu que, a maiores dos lodos contaminados, produciranse toneladas de materiais estériles “potencialmente xeradores de drenaxe ácida con capacidade de mobilización de metais pesados”.

 

Os colectivos arousanos tamén alertan do perigo que estes vertidos pode supor para a auga potable de 155.000 persoas, as que habitan concellos río abaixo da mina: Vedra, Boqueixón, Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa.

 

Xaquín Rubido, portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, avanzou o sábado que “presionarán” para que esta reapertura “non se leve adiante”. Lembrou as mobilizacións que frearon a Lei de Acuicultura da Xunta de Feijóo a pasada lexislatura e afirmou que “o modus operandi” resultará semellante. Polo momento, a plataforma xa enviou cartas aos responsábeis das consellarías de Mar, Medio Ambiente e Industria para solicitar encontros e coñecer as intencións da Administración.

 

“En poucas palabras: o cobre e os cartos lévannos eles”, conclúe a folla informativa, “e a merda quédanos para toda a vida”. Concellos como o de Rianxo ou o de Vilagarcía de Arousa aprobaron mocións contra a reapertura da explotación de cobre en Touro.