O sector das orquestras pide axuda sen verbenas á vista: "Necesitamos unha saída, sen rescate non podemos vivir"

Actuación do Combo Dominicano nunha verbena (Imaxe: Europa Press)
Esta industria cultural engloba arredor de 3.000 profesionais. As Administracións locais explican que non teñen a capacidade para vixiar que se cumpren todas as medidas de prevención de contaxios da COVID-19. "O primeiro é a seguridade", din.

Na Galiza, arredor de 3.000 persoas traballan no sector das orquestras. Ante un verán "difícil" pola dificultade para celebrar verbenas os e as profesionais piden un plan de "rescate". As medidas de seguridade, publicadas onte no Diario Oficial da Galiza, complican a organización destes eventos. "Os Concellos páranos, aínda que as comisións de festas queiran facelos", asegura Manuel Fariña, presidente da Asociación Galega de Orquestras.

O protocolo indica que as verbenas deberán celebrarse en espazos acoutados que permitan controlar o número de persoas no público, dun máximo de 2.000 asistentes nos recintos máis grandes. A maiores, deberá empregarse máscara en todo momento e manter unha distancia de tres metros cadrados por persoa.

De cen a 300 persoas e poderíase facer festa de nove da noite até o tres e media, non se necesitan festas até o seis da mañá, defende Fariña

Fariña asegura que hai celebracións de todo tipo. "De cen a 300 persoas e poderíase facer festa de nove da noite até o tres e media, non se necesitan festas até o seis da mañá", defendendo a posibilidade de que as Administracións locais abran a porta á celebración de verbenas. Nese sentido, lamenta ter “a case todos os concellos en contra. “O argumento é moi fácil, gastar pouco e quedar ben, pero non compartimos esa opinión, necesitamos traballar", insiste el.

O presidente da asociación explica que a pandemia irrompeu cando as orquestras comezaban a ensaiar "e cos músicos apalabrados para empezar en abril". "No inverno vívese do cultivado durante a temporada alta", acrecenta, sinalando que co sistema de cotización fixo/discontinuo houbo músicos que non estaban dados de alta na Seguridade Social cando se aprobou o estado de alarma. “A algunhas orquestras o ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) denegóuselles”.

No inverno vívese do cultivado durante a temporada alta, acrecenta Manuel Fariña

Por estes motivos, o sector demanda á Xunta da Galiza un plan de axudas, se ben admite que non ten competencias nos ERTE, matizando a necesidade dese "rescate" coa implicación de todas as Administracións. O 8 de xullo, representantes das orquestras galegas desprazaranse até Madrid para participar nunha mobilización. "Necesitamos unha saída, sen rescate non podemos vivir", afirma.

As Administracións locais: "Os Concellos non teñen medios para vixiar e controlar"

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e alcalde de Vilagarcía de Arousa admite que é "moi difícil que moitas administracións se vaian animar a celebrar eventos". "Os Concellos non teñen medios para vixiar e controlar", acrecenta Varela, matizando que as Administracións locais son conscientes do importante do sector "e quereriamos celebrar festas, pero se non se fan é porque non hai as condicións por controlalo", insiste ante o temor de que se produzan contaxios pola COVID-19.

A pandemia incorporou novas obrigas as xa fixadas pola Lei de Espectáculos da Galiza e foron moitos os Gobernos locais que decidiron renunciar a celebración de festas patronais. É o caso de Viveiro, cuxa alcaldesa, María Loureiro, asegura que non se poden permitir aquelas festas que non aplican todas as medidas de seguridade exixidas.

O primeiro é a seguridade e nunhas verbenas como as de Culleredo non se poden garantir, din desde a Administración local

Desde o Concello de Culleredo precisan que se falou coas comisións de festas e que “en todas, o ánimo era de non celebralas. “O primeiro é a seguridade e nunhas verbenas como as de Culleredo non se poden garantir”, apuntan.