O sector da dependencia maniféstase en Santiago por un novo modelo de coidados

Advirten da redución da calidade da atención. (Foto: Europa Press)
A Plataforma da Dependencia denuncian que case 90% dos servizos están privatizados en detrimento da calidade do servizo e por iso se convoca unha manifestación, o domingo 27 ás 12 horas na Alameda.

A Plataforma Galega polos Servizos Públicos da Dependencia vén de convocar para o vindeiro domingo 27 de xuño unha manifestación coa que busca facer visíbeis as carencias do sector e a problemática derivada da privatización do servizo.

A marcha terá lugar en Compostela e partirá ás 12 do paseo central da Alameda cara á praza do Obradoiro.

A plataforma informou hoxe os medios nunha rolda de prensa que decorreu en liña e na que participaron Francisco Vizoso, do Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos (Modepen); Francisco Xosé Bernárdez, da Asociación Galega de Familiares e Usuarias de Residencias (Vellez Digna); e Maribel Barreiro, de Traballadoras Galegas das Residencias (Trega).

Durante a súa intervención, Vizoso explicou que a manifestación deriva da necesidade de “aboiar o problema, que xa existía antes da pandemia pero que aumentou de maneira dramática”.

O membro de Modepen referiuse á “necesidade de reformular o futuro do sector” e para iso, coidan, "ten que haber unha resposta social”. "Esperamos que sexa un clamor en favor dos servizos de dependencia”, afirmou.

Pola súa parte, Bernárdez, de Vellez Digna, achegou que “case 90% dos servizos están privatizados e isto é unha ameaza moi seria porque hai fondos de capital risco facéndose cos centros públicos e reducindo a calidade da atención”.

Así, asegurou que “estes fondos de investimento gañan máis cartos canto peor servizo dan” e destacou ademais que “isto faise coa complicidade da Xunta, que estabeleceu unha relación tóxica con estas empresas, e no lugar de supervisar a atención aos dependentes, as relacións laborais e que non se produzan abusos, é un ente facilitador de intereses privados”.

A representante das traballadoras das residencias, Maribel Barreiro, fixo fincapé no “deterioro continuo da atención e das condicións laborais”.

"Pedimos a mellora porque iso redunda na calidade do servizo que prestamos”, resaltou. Barreiro alertou de que “as prazas de usuarias públicas son concertadas en residencias privadas, case todas as da Galiza son de DomusVi, un dos grandes grupos do Estado, e do convenio colectivo aplican o que lles parece, incúmpreno sistematicamente... E nin sequera se dan as mesmas condicións entre residencias do grupo”.

 Os tres denunciaron que o novo sistema de residencias que prepara a Xunta da Galiza "afonda no modelo privatizador" e faise de costas aos colectivos implicados no sector.