As seccións das EOI xa non realizarán as probas libres "por unha decisión unilateral da Consellaría"

Entrada da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Compostela.
CIG-Ensino denuncia "este recorte de servizo público que leva 15 anos implantado e serviu a milleiros de persoas de toda Galiza residentes nas áreas de influencia das seccións".

"A administración educativa decide no punto 5.1. da Circular 7/2021 pola que se regulan as probas de certificación das ensinanzas de idiomas de réxime especial polo réxime libre para o curso 2021/22,  que as probas de certificación polo réxime libre para este curso non se realicen nas sección das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) e unicamente se realicen nas sedes centrais. Estas probas libres víñanse ofertando nas sección durante todos os anos desde que abriron".

Sí o denuncia CIG-Ensino, sindicato maioritario do ensino público en Galiza, que exixe unha rectificación por parte da Consellaría e lembra que a central sindical tamén vén de presentar un recurso contencioso administrativo contra a Resolución do 17 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica nas escolas oficiais de idiomas de Galiza no curso 2021/2022.

O motivo do recurso é "a modificación que se establece nas datas das probas libres que se cambian para o mes de febreiro. Hai que ter en conta que a normativa actual di que as probas libres teñen que ser común ás probas ordinarias e isto non se cumpre nesta resolución".

 A CIG-Ensino presentou previamente un recurso de reposición "que foi desestimado pola Secretaría Xeral. No sindicato somos conscientes que o noso recurso non vai interromper a ordenación destas probas no calendario imposto pola Consellaría para este curso escolar mais consideramos que o proceder autoritario da Consellaría, con decisións adoptadas de costas ao profesorado das EOI non se pode pasar por alto, sobre todo se, como consideramos, pasa por riba da normativa vixente". 

Discriminación do alumnado que non vive nas cidades

A prohibición expresa a realizar os exames nas extensións implica, en primeiro lugar, segundo o sindicato, que as persoas que se presenten ás probas libres de certificación terán que desprazarse nalgúns casos moitos quilómetros dende a área de influencia até  a sede correspondente como: de Ribadeo e Viveiro a Lugo, de Celanova a Ourense, de Ribeira e Noia a Compostela, de Cee ou Melide á Coruña, de Lalín ou A Estrada a Pontevedra e de Ponteareas e Tui a Vigo.

"En segundo lugar, e pendentes de ver como se artella exactamente a administración das probas libres por parte de cada EOI, parece máis que probábel que o alumnado oficial de cada EOI se verá prexudicado. As súas clases serán en docencia asíncrona (traballos ou actividades realizadas de forma autónoma) ou substituídas por clases online durante un período de 10-15 días xa que o profesorado das seccións será mobilizado para atender á administración dunhas probas noutra localidade distinta á das súas ensinanzas".

En terceiro lugar, di a CIG, esta decisión tamén atenta contra as condicións laborais do profesorado. Os e as docentes que teñen asignado un destino nas seccións e asinado un horario ven como se lles obriga no mes de febreiro a que alteren estas condicións horarias e, incluso, o lugar de traballo, para atender as necesidades da realización dunhas probas libre nas sedes centrais da EOI.

As distintas sedes con seccións:

Sede da Coruña: Arteixo, Carballo, Cee e Culleredo

Sede de Compostela: Negreira, Noia, Ordes, Ribeira e Sar (Compostela)

Sede de Lugo: Sarria

Sede de Ourense: A Ponte (Ourense), Celanova, O Barco, O Carballiño, Ribadavia e Verín

Sede de Vigo: Cangas, Coia (Vigo), Nigrán, Ponteareas, Redondela e Tui

Sede de Pontevedra: A Estrada, Lalín e Valle-Inclán (Pontevedra)

Sede de Ferrol: As Pontes e Cedeira