A seca prolongada continúa en toda a demarcación Galiza-Costa

Os caudais circulantes "continúan en valores inferiores aos habituais para esta época do ano". (Foto: Nós Diario)
A Xunta alerta dos "baixos niveis dos encoros".

A Oficina Técnica da Seca, organismo dependente da Xunta da Galiza, acordou manter a situación de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa perante os "baixos niveis dos ríos e os encoros".

A directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, presidiu esta sexta feira unha nova reunión desta oficina na cal participaron representantes dos departamentos de Protección Civil, Meteogaliza e da Consellaría de Medio Rural.

Segundo informou a Xunta, o día 1 de outubro comezou o novo ano hidrolóxico, que durará até o 30 de setembro do próximo exercicio, co cal na reunión realizaron un balance das achegas hídricas na conca Galiza-Costa no período 2021-2022.

Os resultados concluíron que os recursos hídricos eran menores que os doutros anos, en concreto 44,77% menos que a media histórica que é "o segundo peor dato dos últimos 12 anos".

Sobre a base da análise dos indicadores, a Oficina acordou manter para os subsistemas de Baiona e Zamáns (Vigo) medidas equivalentes a un escenario de alerta por escaseza de auga. O Executivo galego lembrou que estes sistemas abastecen os concellos de Nigrán, Baiona e parte do de Vigo.

Análise hidrolóxica e meteorolóxica

En referencia aos caudais circulantes, constataron que "continúan en valores inferiores aos habituais para esta época do ano", 32% con respecto aos rexistrados nos últimos dez anos. A ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galiza-Costa é de 57,28%, fronte a unha media de 71,05%, 14% inferior á ocupación do mesmo período para o ano 2021.