CLIMA

A seca obriga á Confederación Miño-Sil a estudar de novo a declaración de alerta

Val de Ramirás hoxe, en Ourense. A provincia leva desde xaneiro en pre-alerta. Foto: T. Gulín

A falta de chuvia nun verán particularmente seco obrigou a restricións no abastecemento en concellos do sur do país. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil deberá decidir na reunión do día 1 se declara a situación de alerta. A provincia de Ourense leva desde xaneiro en pre-alerta. 

Hai máis dun mes que as estacións de Meteogalicia de Verín, o Parque do Xurés e Entrimo, na provincia de Ourense, e de Fornelos de Montes, Oia e Mondariz, na de Pontevedra non rexistran nin pinga de chuvia. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) informa de que as precipitacións anuais no sur do país están un 38% por baixo da media histórica de 1980 a 2012. Galiza rexistra a metade de chuvia que o ano pasado e no sur e centro das provincias de Ourense e Pontevedra a seca está provocando problemas no abastecemento. No caso de Ourense, a CHMS mantén a situación de pre-alerta por seca desde xaneiro. 

En xuño, Francisco Marín, presidente da entidade reguladora, advertiu que estaba cerca de producirse unha declaración de alerta que esixiría restrinxir usos “non prioritarios”. A finais de agosto, a situación é semellante á de 2015. Daquela non chegara a producirse a declaración. Pero este ano a seca xa obrigou a cortar a auga en concellos como Lobeira (na Baixa Limia). Da Rúa e Petín, na parte oriental da provincia, até Vilardevós e Os Blancos, ao sur, hai concellos que empezan a recorrer ao subministro a través de camións cisterna ou abrindo pozos e recuperando fontes. 

"Cada concello sabe a súa situación, estamos nunha zona na que aumenta a poboación estacional, e algúns xa están tomando medidas para que non se regue”, declarou Francisco Marín esta semana.

Na bacía Galicia-Costa os encoros están ao 61% de capacidade, na do Miño-Sil, a un 58%. A diferencia respecto do ano pasado é que as reservas diminuíron notablemente. Os ríos Avia, Arnoia e Arenteiro presentan caudais anormalmente baixos. O Limia, e o Miño no seu paso por Ourense e o Sil no Barco tamén están a niveis moi baixos. “Espero non ver na vida restricións de auga na cidade de Ourense para o abastecemento”, dixo hai un mes Marín. “Esa situación non se contempla”.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil deberá decidir na súa reunión do próximo día 1, sexta feira, se declara a situación de alerta.