Asemblea Xeral

A seca, os incendios e a megaminaría centran as liñas estratéxicas de ADEGA

Asemblea Xeral de ADEGA

A asociación ecoloxista ADEGA vén de realizar en Gondomar a 42 asemblea xeral, que decorreu nun ambiente participativo para fixar as liñas prioritarias nas que a entidade traballará durante todo o ano. A seca e o cambio climático, os incendios e a megaminaría ocuparán parte do labor que desenvolverá ADEGA.

Gondomar acolleu o sábado, 17 de febreiro, a 42 asemblea xeral de ADEGA, que fixou a folla de rota para o presente ano. Alén de aprobar a documentación interna para o traballo organizativo, a asociación ecoloxista desenvolveu grupos de traballo abertos a distintas entidades ecoloxistas. “Convidamos plataformas que traballan en cuestións que nos preocupan”, sinala Virxinia Rodríguez, presidenta de ADEGA, en declaracións a Sermos Galiza.

 

Entre os convidados figuraron Pladever, a Plataforma en Defensa do Río Verdugo. Precisamente, o transvasamento do Verdugo foi tratado na asemblea. E é que a seca, o cambio climático e o ecosistema acuático serán unha das liñas estratéxicas nas que ADEGA traballará nos próximos meses.

 

Outra das liñas de acción teráa  ver coa política forestal e mais os incendios. Foi neste punto onde as socias e socios, ademais de SOSGroba –outra das entidades convidadas, que presentou as tarefas que desenvolven na comarca en defensa do monte galego– puxeron en común métodos para difundir e promover a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais.

 

Aliás, as socias e socios e persoas convidadas tamén puideron participar do grupo de traballo sobre megaminaría, unha temática que ADEGA lanzou “dada a Lei de Depredación e a posibilidade que outorga á hora de reactivar minas ou de instalar máis parques eólicos”, afirma Virxinia Rodríguez. Neste grupo de traballo, gozou de protagonismo a Plataforma contra a mina de Touro, que convocou unha manifestación para o próximo domingo, 25 de febreiro.

 

ADEGA non esqueceu a educación e o voluntariado ambiental –desde unha posición de “acción política”, en palabras da presidenta-; o impulso da Eira da Xoana, vinculada a un equipamento e encamiñada á recuperación dos saberes tradicionais; as melloras organizativas, entre as que destaca a reactivación da delegación de Vigo, ou a necesidade de estabelecer sinerxias con plataformas coas que comparten obxectivos comúns en defensa do medio ambiente.

 

Entrega dos premios

 

Durante a comida de confraternización que segue a asemblea xeral tivo lugar a entrega dos premios Osíxeno e Dioxina. Nesta ocasión, o Osíxeno de Honra recaeu en Agustín Ferreira, fundador de ANABAM (Asociación Naturalista do Baixo Miño) e da Asociación Cultural Guardesa en recoñecemento do seu traballo e da súa traxectoria en defensa do medio ambiente e do patrimonio.

 

Aliás, recolleron o Osíxeno ás mellores actitudes ou actuacións ambientais do ano Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio, dado o seu compromiso e activismo en defensa do patrimonio galego e contra o espolio da industria pasteiro-enerxética, e a comunidade de montes de O Covelo, Coruxo, Froxán e Casal de São Simão (Portugal) polas súas actuacións a prol doutros modelos máis sustentábeis para e xestión dos montes, contra os lumes e a eucaliptización.

 

En canto os premios Dioxina ás accións “máis nefastas” para o ambiente, ADEGA elixiu o conselleiro de Industria, Francisco Conde, máximo responsábel do departamento que “promoveu a proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, máis coñecida como Lei de Depredación” e os dirixentes políticos da Consellaría do Medio Rural “polo seu desleixo na salvagarda da Lexislación de Montes e a súa conivencia co lobby pasteiro-enerxético, que mesmo provocou a eucaliptización de lugares tan emblemáticos como o Pedregal de Irimia”. Ningún dos premiados co Dioxina recolleu o “galardón”.