Saúde Pública non obrigará a gardar corentena ás persoas coa vacinación completa

Usuarios do aeroporto de Barcelona coa máscara. (Foto: Europa Press)
A comisión alude a aquelas persoas que sexan contacto estreito dun positivo polo coronavirus pero que completaran a pauta do tratamento. Iso si, representantes dos distintos territorios consideran que "deben limitar as súas actividades ás esenciais".

A Comisión de Saúde Pública comunicou esta terza feira que, após un encontro de traballo entre representantes do Ministerio de Sanidade e os diferentes territorios do Estado español, decidiuse que as persoas que sexan contacto dun positivo de coronavirus pero completaran a vacinación fronte á enfermidade non terán que gardar corentena.

Nun primeiro momento considerábase necesario este período de illamento por precaución no caso de ter achegamento a unha doente da variante Ómicrom.

Porén, as autoridades sanitarias deciden agora que eses contactos estreitos non precisarán pasar un período de 10 días en fechamento domiciliario.

Mais as restricións non desaparecen de todo, pois pídese a estas cidadás que foran inoculadas coas doses necesarias da vacina -dependendo de cada fármaco ou caso, de feito pediuse acelerar as campañas en marcha- que reduzan ao máximo posíbel as súas actividades fóra da casa.

O acordo entre as partes indica, en concreto, que "deben limitar as súas actividades ás esenciais" evitando as interaccións sociais.

Tamén se insta aos contactos a "seguir escrupulosamente as medidas de prevención como o uso das máscaras e realizar unha vixilancia estreita ante a posíbel aparición de síntomas compatíbeis" coa Covid-19.

Advertencia desde os EUA

Estas novas pautas chegan na mesma xornada na que transcendeu que os EUA están a recomendar aos seus cidadáns que non viaxen a España por ter un "nivel moi alto" de contaxios.

"Se debe viaxar, asegúrese de estar completamente vacinado. Debido á situación actual, incluso as e os viaxeiros completamente vacinados corren o risco de contraer e propagar variantes" do virus, sinalaron.