Contencións cero: a saúde mental reclama uns coidados libres de medidas coercitivas

Acto simbólico contra as contencións mecánicas en Compostela en 2020. (Foto: Movemento Galego da Saúde Mental).
Na véspera do Día dos Dereitos Humanos, o Movemento Galego da Saúde Mental fai un chamamento en prol dunha saúde mental "sen ataduras" nin contencións físicas.

O reclamo non é novo e vaise escenificar nun acto público que terá lugar esta tarde a partir das 19 horas na praza Maior de Lugo.

Baixo o lema 'Saúde mental sen ataduras. Contencións cero', o Movemento Galego da Saúde Mental amosará en que consiste unha contención física, unha práctica na habitualmente unha persoa fica atada de mans, pés e abdome cunhas correas durante un tempo indefinido.

Con este acto simbólico o colectivo quere dar a coñecer a persistencia de medidas coercitivas na atención á saúde mental, sensibilizar á sociedade sobre as consecuencias lesivas que estas prácticas teñen na vida e dignidade das persoas e tomar conciencia da necesidade de avanzar en dereitos que aínda hoxe non se cumpren de maneira efectiva.

Vulneración dos dereitos das persoas

O uso de contencións físicas de persoas ingresadas é unha práctica considerada como vulneración da Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade e os Estados asinantes (entre eles, o español) han de comprometerse a elaborar medidas lexislativas e estratexias de planificación sanitarias que promovan a súa erradicación.

Organismos Internacionais como a ONU, a OMS ou o Consello de Europa instan ao obxectivo da total erradicación da contención mecánica como un feito irrevogábel.

"Calquera consideración contraria ao enfoque dos dereitos na atención á saúde significa un retroceso democrático nas liberdades, sen sustento posíbel nas competencias científico-técnicas", sinalan desde o Movemento Galego de Saúde Mental.

Neste sentido, aseguran que existen experiencias contrastadas que avalan a posibilidade real e efectiva da erradicación da contención mecánica, polo que "non hai escusas", din.

Unha práctica a erradicar

A contención mecánica é unha práctica moi estendida na psiquiatría, unha práctica "coercitiva non exenta de risco físico nin psicolóxico de alto impacto, como a revitimización traumática, o menoscabo na autoestima e a clínica depresiva", escribiu a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro Landín en Nós Diario o pasado mes de maio.

Na actualidade non hai rexistros específicos no uso das contencións, como se recomenda, polo que é difícil ter datos precisos sobre o número de prácticas que se realizan que que o Mecanismo para a Prevención da Tortura tamén chama a erradicar.