Análise

A saúde mental en atención primaria

"Non lle quero roubar máis tempo, pero hai algo que me preocupa" é unha frase que escoitamos con moita frecuencia na consulta. (Ilustración: Álex Rozados)
A psicóloga clínica, Rosa Cerqueiro Landín analiza para 'Nós Diario' a saúde mental na atención primaria.

En Galicia, unha de cada tres persoas padeceu un problema de saúde mental polo que acudiu ao seu centro de saúde, especialmente problemas de ansiedade, alteracións do sono e trastornos depresivos (Base de Datos Clínicos de Atención Primaria, 2021).

Nunca tanto se falou de saúde mental porque nunca antes atravesara con tanta crueza a todos os estratos de poboación. Nos últimos 10 anos, tense recollido un aumento do triplo na frecuencia dos problemas psicolóxicos, desde o 12% en 2011. No ano previo á pandemia, a poboación afectada xa alcanzaba o 30%, polo que non se pode soster a idea de que é un incremento conxuntural debido á situación de alerta sanitaria. 

 O malestar mental está relacionado con eventos biográficos de alto impacto negativo 

Convén tamén recordar que, se ben afecta a amplas capas da poboación, non o fai na mesma proporción, sendo mais prexudicadas as mulleres, as persoas con rendas máis baixas, en situación de desemprego e pensionistas, e conforme aumenta a idade. Aínda que con respecto a isto último, haberá que estar atentas a un posible cambio de tendencia, xa que nos rapaces e rapazas de menos de 14 anos, se quintuplica a frecuencia de problemas psicolóxico, e entre os 15 e os 34 anos é máis do triplo con respecto ao 2011.

Os datos son clarificadores. Pero non se debera perder de vista que tras os números están as persoas. A valoración en saúde implica necesariamente ir máis aló do biolóxico, por canto que os determinantes sociais teñen un gran peso nos problemas físicos. Cando temos que atender os aspectos emocionais, relacionais, biográficos ou sociais é ineludible un achegamento narrativo do que lle acontece á persoa que acode a consulta. Os e as pacientes veñen ás consultas cunha historia de vida que precisan contar para darlle un sentido global ao que lles causa sufrimento, e as profesionais temos que poder clasificar ou interpretar os síntomas tendo en conta o contexto nos que se produce e a súa relación con outros malestares. 

Ese achegamento precisa dun tempo razoable para dotar de calidade ese encontro terapéutico. Pero teñen que darse as condicións para que iso sexa posible. As consultas de saúde mental soen acompañarse dunha gran carga emocional para os profesionais e os/as pacientes, e a orixe do malestar, estar en relación con acontecementos biográficos de alto impacto negativo. Non é infrecuente que estean en relación con enfermidades físicas graves, procesos que cursan con dor crónica e de difícil manexo, situacións de dependencia funcional ou o deterioro cognitivo; consultas que teñen que ver con procesos de vida e de morte (ligados á sexualidade, o embarazo e a crianza; menopausia; pero tamén os coidados do final da vida, os dós, o suicidio).

É doado imaxinar a intensidade afectiva que acontece neses momentos e a dispoñibilidade emocional que a profesional debe transmitir para que a paciente se sinta escoitada. É unha parte fundamental do acto profesional, non só no ámbito da saúde mental. Non se pode atender en escasos cinco minutos, coa axenda saturada e sen apenas tempo de revisar a historia clínica.

Hai tamén un facerse cargo da situación que, non obstante, pode implicar un efecto colateral negativo

Hai unha crecente conciencia social sobre as dificultades que atravesa a sanidade en Galicia e as necesidades perentorias de recursos, sobre todo de profesionais.

Hai tamén un facerse cargo da situación que, non obstante, pode implicar un efecto colateral negativo que dana a calidade da atención subministrada, a diagnose integral dos problemas de saúde e a evolución dos casos que atendemos. "Ben sei que ten a sala de espera chea, non lle quero causar molestias". "Non lle quero roubar máis tempo, pero hai algo que me preocupa". "Xa sei que non ten máis tempo, pero necesito contar algo que nunca lle contei a ninguén". Son frases que escoitamos con moita frecuencia e non debera ser así. 

Para este aumento de consultas por motivos de saúde mental, que soen precisar dun seguimento a medio-longo prazo, non se fortaleceron os recursos no nivel de Atención Primaria, en canto a profesionais da medicina e a enfermería nin do resto de colectivos asignados a ese nivel asistencial, nin se reforzou a presencia de profesionais da psicoloxía clínica máis que de xeito anecdótico (sete para toda Galicia) e o aumento de persoal especializado en saúde mental demostrouse claramente deficitario, a pesar da publicación dun Plan de Saúde Mental poscovid.