Saúde e diversidade corporal reivindícanse fronte á gordofobia e a violencia estética

Rocío Portal, Lucía Trigo, Teté Delgado e Carme Adán, esta sexta feira, nunha das palestras da xornada. (Foto: CCG)
O Consello da Cultura Galega acolleu esta sexta feira unha xornada de reflexión e debate.

Os estereotipos patriarcais de beleza están a danar a saúde das persoas, a saúde física e mental, nomeadamente das mulleres, que son quen máis acusan os prexuízos estéticos corporais. Esta premisa, que moitas sofren como unha vulneración dos seus dereitos, impulsou a iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Valedora do Pobo, a través de Carme Adán e María Xosé Porteiro, para organizar unha xornada de debate e reflexión sobre esta realidade "aínda controvertida": as discriminacións provocadas pola gordofobia e a violencia estética.

É un tema do que se está a falar cada vez máis, pero ao que lle queda moito por andar, afirma a Nós Diario a psicóloga sanitaria Lucía Trigo. Como especialista en trastornos da conduta alimentaria e psiconutrición, asegura que a sociedade non acaba de entender o que é a gordofobia e a violencia estética nin como afecta ás persoas. "Podemos velo nas redes sociais cando as activistas se pronuncian ou se fai divulgación sobre este asunto, o que obteñen é moito odio, só por defender que as persoas gordas teñen dereito a vivir".

A gordofobia é o odio, o rexeitamento e a discriminación cara ás persoas gordas polo feito de seren gordas. Mais no día a día, Trigo aprecia que detrás destas posicións ateigadas de prexuízos fica a crenza de que "quen combatemos o dano que están a causar desprezamos a saúde física e relegamos os hábitos saudábeis, por iso é importante recalcar que cando falamos de gordofobia defendemos a saúde física mais tamén a saúde mental, que é precisamente a máis desatendida e a que máis se ve afectada".

Violencia e sufrimento

Trigo compartiu onte palestra coa actriz Teté Delgado e a nutricionista Rocío Portal, quen mantén que a gordofobia é unha realidade que nos atravesa a todas. "Dalgunha maneira temos interiorizado un rexeitamento aos corpos distintos". A pegada da gordofobia é máis tanxíbel do que poida aparentar, insiste, "por iso é tan interesante que sentemos a debater como a violencia estética inflúe na alimentación, na nosa relación coa comida e co corpo".

Portal define esa violencia como a presión que se exerce, –especialmente sobre as mulleres–, para que cumpra con certos estereotipos de beleza: "ten que ser nova, branca e delgada". A cultura da dieta é un dos resultados desa violencia estética, que ademais de apoiarse na gordofobia tamén se nutre "de sexismo, xerontofobia ou racismo e fai que asimilemos un sistema de crenzas que di que un corpo delgado é máis válido que un gordo e que se use a alimentación para manipulalo".

"Desde pequenas, todo o que nos rodea inflúe na imaxe que temos do noso corpo. Imos aprendendo o corpo que está ben e o que está mal, malia que ningún corpo é equivocado", precisa Trigo. Co tempo, o peso da moda, da publicidade, do ocio, da cultura "agrava esa idea de que hai corpos que non poden habitar ningún lugar", persoas que optan por illarse. "Acaban por asumir que a súa imaxe corporal non é a que a sociedade dita, que non encaixan nese suposto ideal do que teñen que ser, e iso achega moito sufrimento", remata Portal. Porén, a axuda está máis presente, pídese máis axiña e contribúe a xestionar mellor calquera situación que entrañe dor.

"As discriminación son mais potentes"

Ningunha persoa debe ser xulgada polo tamaño do seu corpo e todo corpo pode adquirir condutas saudábeis. Trigo e Portal, psicóloga e nutricionista, avogan por unha promoción da vida saudábel máis aló das modas ou dos estereotipos de beleza estabelecidos.

"Á miña consulta chegan moitas mulleres que buscan a perda de peso como validación, para aceptarse elas e para que a sociedade as acepte, pero a min gústame traballar afastada do peso, prefiro centrarme na saúde global, social, física, mental, e nos hábitos saudábeis, con independencia dos quilos que teña", afirma Portal.

Tamén Trigo reivindica unha saúde "sen exixencias, sen presión e, sobre todo, sen rexeitamento de odio". As discriminacións por gordofobia, di, son hoxe máis potentes, pero sono porque o discurso combativo tamén o é en prol da diversidade corporal.