Saudade do lume

Imaxe do lume na Fecha (Compostela) [Irene Pin]

Os whatsapp que intercambiei dicían: Olimpiadas ígneas 2016, ouro Arbo 1515 Ha, prata  Porto do Son 1000, bronce Santiago 800. Como? Non está Soutomaior? Se eran favoritos!

Si, así é como nos relacionamos co lume, case sen respecto, de verdadeiro amigo que é. A especie humana leva milenios facéndolle festas: estivadas, fumes sandadores, bestas cauterizadas, cacharelas no solsticio, magostos, permisos de queima, velas para toda a cohorte celestial. Uso infindo, do que non nos deron apartado as revolucións tecnolóxicas. Ata vai ben para lavar. Antes que os feros deterxentes, perdoade,  está a cinza. E as lapas baixiñas, que mesmo limpan o  inlimpable, o monte. Cada vez que escoito a fraseciña, réxenme os ouvidos e venme á cabeza un monte puído e encerado, para andar por riba del con zapatos corte salón.

Antes que os feros deterxentes, perdoade,  está a cinza. E as lapas baixiñas, que mesmo limpan o  inlimpable

    Mais na actualidade, tanto co lume coma co monte temos un problema monumental. Eu véxolle varios aspectos mesturados:
A.- Como pobo (emoticona de rir/chorar a cachón) temos saudade do lume. Asunto moi principal.
B.- Xa non sabemos para que serve o monte.
C.- Pero non temos bosque.
Inciso: alguén di “queimar o bosque”? Só con pronuncialo doe, dóennos todas e cada unha das folliñas miúdas dos bidueiros, as afoutas das castiñeiras, as arrequichadas dos carballos e carballas. A frouma. (O que? E esa cal é?) No caso de que nos interesen as árbores, porque xa tampouco sabemos moito sobre elas. E, polo tanto, ademais de caladas e sosiñas e que medran suuuuperlento e que non valen un can, as árbores en xeral sonnos bastante extrañas (sacando as camelias, tamarindos e palmeiras).
D.- Varias xeracións mozas xa non coñecen máis plantación autóctona ca dos eucaliptos. E non dan entendido que nos gusten todas as árbores MENOS ESAS. 
E.- A ecoloxía adoita ser un incordio absoluuuto. Ralla que non vexas, igualiño ca o feminismo.
F.- E o noso rural está abandonado e envellecido. Vaia, xa me saiu unha frase baleira: En Galicia hai 1716 aldeas cunha soa persoa VIVA (decembro 2015, botemos contas), aldeas de persoas soíñas e co seu prezado monte veciñal, en que estado?
G.- No asunto das memorias estamos fatal fatal, mesmo a RAM. En 2006 pasamos medo, rabia, impotencia. Pero xa choveu, xa verdearon os outeiros e outras cicatrices non son tan visibles.
H.- Do amor tamén non imos ben. Non queremos o que vemos nin o que temos. E o único que posuímos todas e todos é a paisaxe. E o amor que damos e recibimos. E damos pouco. E á xente maior pouquísimo.
I.- Xa somos semiurbanitas con relacións rurais a tempo parcial. O termo xeográfico que nos describe a case todos é  rururbanización de Galicia. E cidade difusa. Aldea, a xusta. Se é que nos queda.

    Abonda. Xa sabemos que é un problemón poliédrico. Pero moito máis entrefebrado do que eu coidaba. Como rururbana que son, o que vivín estes días foi mooooi contraditorio: a desolación e potencia do lume outra vez. A veciñanza rural activada, cohesionada, útil, os nosos topónimos nos telediarios, adrenalina, escenarios bélicos de película nas aldeas, inimigos claros por un día contra os que estampar moitas frustracións, léxico de súpeto enriquecido -UME, motobombas, camión nodriza- emoción, trending topic!  É perverso e certo: a atracción do lume, a atracción da utilidade e a acción. Eu mesma pasei os días dacó para aló, a ver como avanzaban as lapas. Coñecín xente, tratamos outras cuestións que nos atinxen mentres agardabamos polo lume. E chegou! Estarrecedor, crepitante. E entón recibimos a solidariedade e agarimo de tanta amizade que nos rodea.  Difundimos, actuamos, cos móbiles a arder uns, outras coa motoserra, a mangueira, as xestas, os sachos. Co ánimo encollido e incendiado á vez (xa, un xogo doado de palabras, pero a linguaxe ten incrustadas metáforas do fogo inmemoriais). Autoevacueime á vila pero volvín axiña, tiña que ver, estar. É terrible: o lume deu vida mentres deixaba todo arrasado. E iso tamén é parte do problema monumental. O lume xera algo novo. É fascinante e ruín. Logo, todo pasou, quedou o baleiro e un silencio fumegante. Que axiña sucedeu!

O lume xera algo novo. É fascinante e ruín

    Ante tanta contradición, coido en procurar solucións con urxencia, cando menos, para o asunto da saudade:
A.- Devolvérmonos o lume doméstico, cear con velas, facer fogueiras de campamento, cacharelas de aniversario e mil noites de sanxoán; non é unha brincadeira, dígoo moi seria e antropoloxicamente. O lume estivo dentro da casa ata hai tres décadas. Non damos vivido sen el.
B.- Repasar o significado das palabras monte e bosque, ver fotos de hai 40 anos e preguntarnos cando e por que cortamos coa aldea; preguntarmos tamén en que condicións voltariamos con  ela e se temos disposición de facelo.
C.- Meter á xente miúda na fraga, dar aulas na natureza, moitas, moreas, con reforzos, extraescolares, complementares e avaliación continua (digo na natureza, non en sucedáneos). É perigoso extirpar o bosque da nenez.
D.- Defender publicamente, quen isto partille, que hai seres vivos que non se poden traducir permanentemente en cartos. Pasa coas árbores, cos paxaros, os insectos, coas crianzas e persoas idosas (e con tantas outras cuestións). Sonnos imprescindibles. Tamén a paisaxe. Non todo ten valor económico, pero hai que meterlle cartos para conservalo.

    E xa que me puxen, agora si vou denunciar aspectos polo miúdo dos incendios forestais. Ou son lendas urbanas?!  En todo caso, só enumero, sabendo que cada liña merece un artigo con casos ben documentados:
A.- Non convén que o lume sexa o gran negocio das empresas privadas que traballan nos medios aéreos de extinción.
B.- Nin convén aprobar unha lei que recalifica solo queimado en dez anos, aínda que só sexa o que xa estaba en proceso de recalificación (seguro?).
C.- Nin seguir a aprobar axudas económicas á eucaliptización ou desertización verde. Este é o gran TEMA. Non só non temos bosques, tamén estamos a perder unha marabilla de terras de labranza que estiveron activas séculos e agora son esquilmadas polos eucaliptos. (Mariló, cóntao, por favor)
D.- Non convén afincarmos na única idea de que os incendiarios deben estar no cárcere cen anos, que tamén. Mais cando as teñamos a todas presas, o monte aínda estará desatendido. Este é o mesmo gran TEMA. Precisamos unha política forestal que aposte xa e de xeito contundente pola recuperación do bosque autóctono. Mentres os espazos forestais sigan aumentando convertidos en monocultivos de piñeiro e eucalipto, o lume seguirá aparecendo e extendéndose, sen moitas posiblidades de atallalo.
E.- Entón, tampouco convén ter as comunidades de montes veciñais tan abandonadiñas dunha boa política forestal (entendendo por boa, que camiñe cara a recuperación da biodiversidade).
F.-Tampouco convén convertirnos en rururbanos sen aceptarmos a responsabilidade colectiva sobre o rur-.
G.- Tampouco convén crear a través dos medios unha competencia sobre a intensidade e extensión dos lumes (eh, ouro para Porto do Son!); os incendios cativos quedan trivializados e son igualmente dañinos.
H.- Nin debemos descoidar miudezas como que as estradas leven herbicidas nas gabias que se comportan como  excelentes propagadores do lume.
I.- Nin convén comprar votos no rural, sáennos carísimos a todas.
L.- Nin desatender e infravalorar a quen é ignorante.
M.- E, por favor, convén mudar a linguaxe: nin a regla mancha nin o monte se limpa. O monte aténdese, dáselle función, mantense vivo. Con nós ao seu carón, botando varias mans.

Mañán vou facer unha churrascada na casa da aldea para celebrarmos que o lume foi amainando entre os carballos darriba que tanto queremos

    E enfin, para min que o devandito -revolto e incompleto- apunta a direccións chamadas concienciación colectiva, administracións públicas, “xestión da paisaxe e ordenación do territorio”. Hai 25 anos fixen un máster que levaba este título. Está todo inventado, teorizado e analizado! Que nos falta? O convencimento -ou formación tamén?- dos poderes políticos. Tamén da sociedade. E son eles, -e nós- si ou si, os que teñen que actuar para parar esta desfeita. 

    E xa. Mañán vou facer unha churrascada na casa da aldea para celebrarmos que o lume foi amainando entre os carballos darriba que tanto queremos. E case non nos entrou. Logo, habemos facer queimada, digo eu. Miñas deusas do lar, como non imos ter saudade do lume? O lume era festa. Fogos, muxicas e Perseidas para todos, que este ano alguén nolas roubou.