Sanidade pública

Denuncian ante Inspección de Traballo a "acumulación de pacientes" nos corredores de Urxencias do CHUS

Pacientes amoreados nos corredores das Urxencias do Hospital Clínico de Santiago, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)
"Os pacientes graves que veñen consultarse acumúlanse no corredor de entrada por falta de sitio para poder velos", alerta a doutora Fátima Nercellas.

O sindicato médico O'Mega vén de presentar ante a Inspección de Traballo da Coruña unha denuncia pola "acumulación de pacientes" nos corredores de entrada do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), unha situación que tanto as organizacións sindicais como a Asociación de Pacientes teñen denunciado en múltiples ocasións nos últimos tempos.

En concreto, foi a delegada de Prevención do sindicato na área sanitaria de Santiago-O Barbanza, a doutora Fátima Nercellas, quen presentou esta denuncia. Nun comunicado, explica que os enfermos que xa teñen asinada a súa orde de ingreso en planta teñen que quedar nos corredores "ao non ter cama".

"A xerencia do CHUS persiste na súa dinámica de acumular pacientes con ingreso asinado —pendentes de ingreso en planta— no servizo de Urxencias, co que os pacientes graves que veñen consultarse acumúlanse no corredor de entrada por falta de sitio para poder velos, sobre todo nos picos de maior asistencia de 13 a 18 horas", relata no escrito.

A denunciante explica que todo empeorou na última semana, cando o coordinador "deu orde de sacar ao corredor de observación" a estas persoas até que suban a planta, todo "porque a xerencia mantén plantas fechadas, xa que non ten persoal" por mor da súa "política de contratación".

Ademais, a delegada sindical de O'Mega menciona a lexislación de prevención de riscos laborais para argumentar que "un corredor, vía de tránsito ou evacuación non é un lugar de traballo" para o persoal sanitario.

Nercellas solicitou a Inspección que investigue os feitos relatados, que dite unha resolución que fixe "a responsabilidade á que haxa lugar" e que adopte "as medidas necesarias" para emendar as deficiencias, incluídas sancións ou, mesmo, a paralización da actividade "se for preciso".

A doutora expedientada por atender pacientes nos corredores

Meses atrás, o Sergas abriulle á doutora Nercellas un expediente disciplinario —caducado finalmente sen sanción en firme malia propor inicialmente unha suspensión de 17 días— por incorrer nunha "falta grave" após trasladar un paciente do corredor a Observación. En 2019 esta mesma doutora denunciara na Fiscalía a morte de dúas persoas que agardaban nos corredores do CHUS.