Satse urxe acreditar as enfermeiras da Galiza para o uso e dispensa de fármacos

Satse advirte de que as enfermeiras galegas non están acreditadas para vacinar da Covid-19 (Foto: Arxina).
Galiza e A Rioxa son os dous únicos territorios do Estado pendentes de aprobar o decreto de prescrición enfermeira.

O Sindicato de Enfermaría denunciou que a Galiza é, a canda A Rioxa,o único territorio no que as súas enfermeiras e enfermeiros aínda non poden indicar e usar medicamentos como as vacinas contra a Covid-19 con todas as garantías xurídicas.

Transcorridos máis de dous anos e medio desde a entrada en vigor do decreto de prescrición enfermeira, Satse láiase de que as consellarías de Sanidade da Galiza e A Rioxa sigan sen aprobar a regulación que permite acreditar as enfermeiras e enfermeiros dos seus respectivos servizos de saúde para que poidan indicar e usar medicamentos sen o risco de que sexan denunciados por cometer intrusismo profesional.

Isto implica máis lentitude, burocracia e ineficacia

Satse lembra que o feito de que as enfermeiras destas autonomías non estean acreditadas aínda para indicar, utilizar e autorizar a dispensa de fármacos como as vacinas supón, na práctica, que calquera persoa debe ter antes unha necesaria prescrición clínica, "o que implica máis lentitude, burocracia e ineficacia".

Coidados de calidade

A organización sindical subliña que a tramitación administrativa pertinente para regular este asunto foi dispar ao longo dos dous últimos anos, xa que houbo comunidades autónomas que foron máis áxiles que outras, aínda que, en termos xerais, podería xeneralizarse antes para que todos os enfermeiros e enfermeiras, independentemente do servizo de saúde no que exerzan o seu labor, teñan os mesmos dereitos e garantías.

Satse reclama que tanto a Galiza como A Rioxa se sumen de inmediato ao resto de comunidades autónomas e acrediten unha actuación asistencial que as enfermeiras e enfermeiros realizan de forma habitual "e que, sen dúbida, beneficia á atención e coidados que se prestan aos pacientes e ao conxunto da cidadanía", ademais de facilitar un maior achegamento do profesional e o paciente e favorecer un control máis próximo da evolución do seu tratamento.