Satse reclama maior orzamento para a Atención Primaria

Satse censura as derivacións á privada na área sanitaria de Vigo.
O sindicato de enfermaría, Satse, reclamou onte que o Goberno galego e os do resto de territorios amplíen o orzamento sanitario, "perante a necesidade de reforzar a Atención Primaria, non só para mellorar a súa actividade ordinaria, senón para poder realizar un labor eficaz de detección e seguimento de casos de Covid-19 de cara a evitar posíbeis rebrotes"
 
Satse pide, neste contexto, dedicar Atención Primaria até 25% do montante presupostario e defende, ademais, unha maior coordinación entre a Atención Primaria e a Especializada e a dotación de recursos e medios básicos de diagnóstico, así como unha mellor planificación da atención a pacientes con enfermidades crónicas, pluripatoloxías ou dependencia.

A organización sindical vén reclamando desde hai anos unha profunda revisión do funcionamento da Atención Primaria. No que ten a ver coa enfermaría e fisioterapia, exixe que se garanta unha asignación máxima de pacientes por cada profesional, que non deberá superar as mil persoas, cun aumento tamén de fisioterapeutas.  

Denuncia as derivacións á privada en Vigo

Tamén onte, o sindicato lamentou que o Sergas "trate de xustificar" a externalización de atención temperá, rehabilitación infantil e logopedia a entidades privadas na área sanitaria de Vigo "por falta de profesionais".Nun comunicado, critica que o Servizo Galego de Saúde "non atope outra opción que asinar concertos con empresas privadas para a atención temperá, rehabilitación infantil e logopedia e así derivar pacientes a centros externos aos que pagará 700.000 euros anuais".

Isto supón, para o sindicato de enfermaría, que "no canto de asumir a responsabilidade de dotar estes servizos con persoal suficiente para cubrir as necesidades das crianzas da área sanitaria de Vigo, con listas de espera de até dous anos, prefire deixalas en mans de empresas privadas". 

A organización entende, por contra, que "existen profesionais de todas as categorías para cubrir as necesidades, mesmo coa especialidade de Atención Temperá nas súas listas de contratación temporal", e considera que se trata máis ben "dunha cuestión de vontade de contratación ou de procura activa de profesionais con cualificación para cubrir o servizo".