Sanidade

Satse propón unha lei estatal para loitar contra as agresións a sanitarios

Persoal de enfermaría inocula a vacina fronte ao coronavirus na Galiza, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
"Non existe a suficiente e necesaria concienciación e sensibilidade a nivel administrativo, político e social sobre unha realidade que empeora co paso do tempo", lamenta o sindicato.

O sindicato de enfermaría Satse trasladou esta cuarta feira a gobernos e partidos políticos un proxecto de lei estatal que prevé máis de 50 medidas concretas para loitar "de maneira conxunta, coordinada e eficaz" contra a violencia física e verbal que sofren as e os profesionais sanitarios.

A través dun comunicado, o sindicato subliñou que o incremento nun 15 por cento do número de agresións ás enfermeiras en 2022 demostra que se trata de "un grave problema ao que aínda non se deu unha resposta por parte das administracións que incida de maneira conxunta na prevención, protección e atención aos profesionais".

Unha vez realizado unha análise detallada do último Informe de Agresións a Profesionais do SNS do Ministerio de Sanidade, Satse conclúe que "non existe a suficiente e necesaria concienciación e sensibilidade a nivel administrativo, político e social sobre unha realidade que empeora co paso do tempo".

Por iso, Satse subliña que contar cunha Lei estatal contra as agresións "evitaría que cada administración ou xerencia actúe de maneira independente, e poida darse unha resposta igualitaria e uniforme". "Así, calquera profesional, independentemente do lugar onde exerza a súa actividade, tería á súa disposición os mesmos recursos, atención e apoio", esgrimen.

No ámbito da prevención, o Sindicato propón medidas como xeneralizar os sistemas de videovixilancia durante as 24 horas nos corredores e nas salas de espera e de admisión, e que haxa dispositivos sonoros de alarma nas consultas. Tamén consideran que a iluminación debe ser óptima en calquera estancia do centro. Outra actuación é incluír na historia clínica do paciente os seus antecedentes como suxeito activo de violencia sanitaria.

Entre as de carácter organizativo, Satse propón reducir os tempos de espera, garantir unha cociente adecuada e segura de pacientes por enfermeira e implantar un sistema de organización debidamente protocolizado para pacientes e familiares.

A organización sindical tamén aposta pola creación da figura do delegado de prevención contra a violencia no ámbito sanitario, que formaría parte do Comité de Seguridade e Saúde do centro. A súa función sería vixiar o cumprimento das medidas postas en marcha, así como de demandalas se non se estivesen desenvolvendo de maneira adecuada.