Sátira e denuncia contra o espolio de Meirás

César Goldi, Paula Carballeira, Chévere, Quico Cadaval, Ibuprofeno Teatro, Xulio Abonjo e Talía Teatro participan no espectáculo de entrada gratuíta co que a Deputación “conmemora” satiricamente  o 80 aniversario da “doazón” do Pazo de Meirás a Franco

A Deputación da Coruña organiza o vindeiro  4 e decembro (20:00 horas, Teatro Colón) unha gala artístico-reivindicativo contra o espolio do Pazo de Meirás pola familia Franco. Dirixida por Artur Trillo, na gala participarán César Goldi, Paula Carballeira, Chévere, Quico Cadaval, Ibuprofeno Teatro, Xulio Abonjo e Talía Teatro e contará coa música ao vivo de Caxade.

 

O acto, como lembrou na presentación a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembra a sinatura por parte de Francisco Franco da aceptación da doazón do Pazo de Meirás en calidade de Xefe de Estado que está asinada o 5 de decembro de 1938. "É un dos elementos en que se fundamenta os informes xurídicos e históricos para afirmar que Franco recibiu o Pazo en calidade de Xefe do Estado e que el gozaba da residencia de verán desde o ano 38 co que o contrato posterior é unha compravenda simulada para facerse coa propiedade a título persoal", sinalou na súa intervención

 

O humor e a sátira serán protagonistas do espectáculo que será conducido polo propio Francisco Franco interpretado polo actor César Goldi. O coordinador do espectáculo e director de Talía Teatro, Artur Trillo, defendeu botar man da "sátira para denunciar o espolio e eses comportamentos que a xustiza pasa por alto". Anunciou que as compañías e particulares participantes serán "irreverentes, sen morderse a lingua que é a función dos cómicos". Neste sentido, e fronte ás acusacións recentes a humoristas, lembrou que "mesmo os reis no feudalismo permitían que os bufóns lles dixesen as cousas e non lle cortaban a cabeza por iso. Non podemos ceder antes o que está acontecendo actualmente", dixo.

 

As entradas para "Meirás por un Pazo Público" son gratuítas e pódense recoller na billeteira  desdeesta terza feira en horarios de segunda a sexta de 9.30 a 13 h e 16 a 19.30h e no Teatro Colón unha hora antes dos espectáculos.