O satélite galego Serpens desintégrase tras dar 3.000 voltas á Terra

Hai exactamente unha semana o satélite galego Serpens regresaba á atmosfera e desintegrábase totalmente no Atlántico sur, fronte ás costas do Brasil, após pasar seis meses en órbita e dar 3.000 voltas á Terra.

O satélite, que formou parte dun proxecto no que cooperaron a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo e outras institucións científicas e académicas do Brasil, EUA e Italia, lanzouse o 19 de agosto de 2015 cara á Estación Espacial Internacional e alí ficou até o 17 de setembro, cando foi inxectado na atmosfera. Até o 27 de marzo de 2016, xornada na que reentrou na atmosfera, o Serpens permaneceu 221 días en órbita, 29 almacenado na EEI e 192 operativo. Deu, en total, 3.000 voltas á Terra.

Fernando Aguado, responsábel da Agrupación Aeroespacial da Uvigo, salienta nunha nota de prensa que o maior logro do departamento foi cumprir con éxito co seu primeiro contrato externo cunha axencia espacial –a Agência Espacial Brasileira, AEB-, “puidemos cumprir todos os nosos obxectivos científicos e a tecnoloxía desenvolvida na Universidade de Vigo demostrou a súa fiabilidade e potencial”. Engade que acadaron “o 100% das expectativas” e que deixaron a axencia brasileira “enormemente satisfeita”.

O encargo do Serpens representou a primeira das colaboracións internacionais da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo nun proxecto que incluía de inicio o satélite, catro estacións en terra e unha vintena de sensores localizados en puntos tan distantes como Vigo, Ourense, Calpoly (EUA), Valdivia (Chile), a Antártida e o Brasil para enviar datos ambientais.

Próximo reto

Após fechar a páxina de Serpens, a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo traballa desde hai meses nun novo reto: a participación en AIDA, a misión conxunta entre a NASA e a Axencia Espacial Europea, ESA, para desviar un asteroide mediante o impacto dunha nave construída pola axencia do Goberno dos EUA.

“Estamos a traballar nun nanosatélite que será levado até as inmediacións do asteroide por un satélite da ESA e que axudará a estudar os efectos do impacto”, explica Fernando Aguado sobre unha misión “cun gran prestixio internacional que levará un nanosatélite onde nunca antes se levou”.