O satélite Sentinel-2 amosa a devastación dos incendios na Galiza
A imaxe dá unha idea da intensidade e da extensión dos lumes que arrasan diferentes territorios.
O programa espacial europeo Copernicus escolleu esta cuarta feira como imaxe do día unha fotografía captada polo satélite Sentinel-2 na que se observan enormes columnas de fume elevándose desde os lumes que permanecían activos no interior da Galiza o pasado 16 de agosto. A instantánea, de gran impacto visual, amosa a magnitude da vaga de incendios que afecta o noroeste peninsular.
Segundo os datos do Servizo de Monitoreo Atmosférico de Copernicus (CAMS), o 17 de agosto o Estado español xa superara o seu máximo anual de emisións derivadas dos incendios forestais dentro da serie histórica que abrangue 23 anos. A magnitude deste rexistro dá unha idea da intensidade e da extensión dos lumes que arrasan diferentes territorios.
No caso de Portugal, a situación tamén é crítica. As emisións estimadas polo CAMS sitúanse a un nivel moi próximo ao dos anos máis negros para os incendios, 2003 e 2005. As zonas máis afectadas son as do norte e do centro do país veciño, onde o avance das chamas provocou graves danos ambientais e sociais.
Co obxectivo de apoiar os Estados, activouse o Servizo de Xestión de Emerxencias de Copernicus (CEMS), encargado de fornecer cartografía de urxencia e outros recursos que permitan ás autoridades tomar decisións rápidas e coordinadas diante da catástrofe.
Ademais, a directora xeral de Protección Civil, Virginia Barcones, confirmou que o Ministerio do Interior solicitou ao Mecanismo Europeo de Protección Civil a activación do satélite para reforzar o seguimento da situación. Así, están dispoñíbeis xa imaxes actualizadas da Galiza, mais tamén de Asturias, Castela e León e Estremadura.
As fotografías, de alta resolución, constitúen unha ferramenta clave tanto para avaliar a extensión dos lumes como para planificar a súa extinción. A tecnoloxía satelital convértese, deste xeito, nun aliado esencial nun verán marcado pola onda de calor e a seca prolongada.
A elección da imaxe da Galiza como símbolo do día por parte de Copernicus é tamén un aviso sobre a dimensión da emerxencia climática e ambiental que se vive no país e no conxunto da península Ibérica. A ciencia e a tecnoloxía poñen o foco na realidade que padecen milleiros de persoas e na urxencia de avanzar en políticas de prevención e adaptación.