Sarria, Triacastela e agora O Páramo: a teima de tentar facer desta comarca un enclave para as touradas

Manifestación contra as touradas

A tourada está prevista para o vindeiro 10 de xuño e está organizada por un empresario que xa impulsou este tipo de actividades noutros concellos de Lugo como o de Sarria.

O vindeiro 10 de xuño, Feira da Primavera, O Páramo acollerá unha tourada, un evento que se realizará nunha praza móbil a instalar perto do actual Campo da Feira. Xa se está mesmo pechando nomes para o cartaz dese día, como o ‘diestro’ Canales Rivera ou ‘novilleras’ como Cristina Hernández. Será a primeira vez na historia que no Páramo teña lugar unha tourada, un espectáculo sen ningunha tradición nin apoio nin neste concello, nin na comarca nin en Galiza. Enquisas e sondaxes realizados nestes anos salientan que perto do 90% dos galegos rexeitan este tipo de espectáculos de brutalidade cos animais.

Porén, e alleo a esta realidade, o empresario Juan Santos teima en organizar a tourada, en colaboración desta volta coa asociación Amigos do Campo da Feira. Mantense así a teima de facer da comarca de Sarria unha especie de zona de touradas en Galiza, após as ‘corridas’ de touros impulsadas en Sarria e Triacastela.

Até o momento, a ‘tourada’ no Páramo xa recibiu o claro rexeitamento de diferentes colectivos, como o de Galiza mellor sen touradas, así como dos grupos da oposición municipal, BNG, PSdeG e CxG. Estas forzas critican que o concello, en mans do PP, que ten maioría absoluta, destine os cartos a este tipo de espectáculos de sufrimento animal e sen ningún tipo nin de tradición nin de demanda entre a veciñanza. Os nacionalistas anunciaron que presentarán unha moción contra a ‘tourada’.