Sarria pendente do cribado de 500 persoas para ver se muda nivel de restricións

Imaxe de arquivo dun cribado realizado no Hospital Gil Casares de Compostela. (Foto: Europa Press)
O concello de Sarria foi noticia nos últimos días por mor dun gromo de Covid-19 producido logo dun encontro familiar. Até agora son 29 os casos detectados pero o nivel de incidencia fixo precisa a realización dun cribado do que se desprenderá a necesidade ou non de subir o concello ao nivel máximo de restricións.

A localidade de Sarria está pendente do cribado que se lles realiza esta segunda feira a máis de 500 persoas da veciñanza e que vai ser determinante para decidir se se manteñen en nivel alto de restricións ou pasa a nivel máximo.

Isto último traduciríase no fechamento perimetral, que tería que ser avalado xudicialmente, e mais noutras cuestións, como a obrigatoriedade de manter a máscara no exterior.

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, incidiu na importancia do cribado, non só pola cantidade de persoas que poidan saír con positivo, senón tamén porque se pode ver o nivel de expansión comunitaria do gromo.

Polo momento, o rexedor recalcou que os datos extraídos de días pasados son “bastante positivos”.

Tamén o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña, Monforte, Ramón Ares, quixo trasladar que os últimos datos reflicten que o gromo está "acoutado".

"Hai 29 casos positivos, o gromo vén de 10 días atrás e onte houbo tres positivos novos, pero tamén hai altas epidemiolóxicas", indicou Ares.

Pola súa parte, o rexedor da localidade insistiu en que, os últimos casos apuntan a que a situación está "máis controlada que en días pasados" e resaltou que o cribado voluntario que tivo "unha resposta importante con 536 persoas inscritas, o que demostra o grao de concienciación da veciñanza para controlar o foco".

 

"Espero que haxa un resultado o máis favorábel posible. A nivel de festas intentáronse conter desde o Concello para que no foran motivo de expansión", subliñou Garrido, preocupado polos efectos que un ascenso de restricións pode ter para o sector hostaleiro ou para o Camiño, "que va adquirindo normalidade e cada vez nótase máis".