Sarria 'camiñará' polo río

[Imaxe: Plat. Sarriana polo Rio]

A Plataforma Sarriana polo río convoca un roteiro e unha peregrinaxe como primeiras accións dunha nova campaña en defensa do patrimonio etnográfico da vila. 

 

O movemento veciñal contra as obras de encauzamento dos ríos Sarria e Celeiro non para. Malia seren despexad@s da illa do Toleiro, re-iniciárense as obras e pór fin a unha das pontes máis emblemáticas --e de alto valor histórico da zona-- a Plataforma Sarriana polo río continúa coa súa loita en defensa do patrimonio etnográfico da vila. 

Á caceirolada e batukada que tivo lugar no serán da sexta feira, súmanse agora máis dúas accións que decorrerán ao longo do mes de abril. A veciñanza abandonará as proximidades do río para levar as súas denuncias polos camiños sarriaos. 

Un roteiro didáctico polo río

E é que este movemento social, que conta acotío con máis e máis apoios, convida á veciñanza e todas aquelas persoas que queiran sumarse a camiñar na defensa do río. Así, organizan un roteiro o vindeiro día 12 que @s levará a percorrer as marxes do Sarria e Celeiro nunha andaina de 5,7 km. A camiñata fará o trazado das obras de encanamento e visa ser didáctica. Neste senso, o paseo acompañarase de explicacións sobre algúns dos bens patrimoniais que se atopan pola zona e que abranguen as pontes ou a floresta. 

Tamén así, desde a Plataforma Sarriana polo Río están a artellar unha peregrinaxe reivindicativa que @s levará da vila a Compostela polo Camiño francés. Unha forma de lembrar a importancia deste espazo natural ameazado polas obras. A rota comezará cunha comitiva inicial á que se irán sumando máis veciñ@s nos distintos tramos.