Sardiñas en lata para xantar porque "non hai cociñeiro": nova semana de protestas na residencia Concepción Arenal da Coruña

Persoal da residencia Concepción Arenal mobilizado esta quinta feira. (Foto: REDE)
Traballadoras lamentan o "trato indigno" que reciben as persoas usuarias neste centro de titularidade pública xestionada polo Grupo Clece.

O persoal da residencia de maiores Concepción Arenal da Coruña, de titularidade pública e xestión privada, volveu manifestarse na mañá desta quinta feira por terceira semana consecutiva co apoio de representantes da CIG —que lidera o comité de empresa—, o BNG, o PSdeG e máis a "solidariedade" da plataforma REDE de persoas usuarias de residencias.

O motivo das protestas é o "trato indigno" que afirman sufrir tanto traballadoras e traballadores como as propias persoas maiores que residen neste centro, que este verán pasou das mans de DomusVi ás do Grupo Clece, por medio da sociedade Samaín Servizos á Comunidade S.A..

"A que foi considerada ‘residencia modelo’ ao comezo da súa actividade en 2003, hoxe vive no fondo da inmundicia tras o paso de DomusVi, e agora coa entrada de Clece se cabe con máis recortes de persoal en cantidade e calidade, máis incumprimentos de normativas, máis malas prácticas e máis abusos cara ás persoas maiores", sinalan desde REDE.

Así, lembran que o pasado 16 de agosto, por mor da "falta de persoal de cociña", a residencia serviu un "menú de emerxencia" consistente en "sardiñas enlatadas con espárragos".

A CIG tamén vén advertindo das eivas do centro nas últimas datas: "Nos mellores días, hai sete persoas na quenda de mañá para limpar seis plantas, atender ou dar servizo de lavandaría e facer o tren de lavado da cociña, de maneira que só se dedican dúas traballadoras a limpar as plantas; tres están en lavandaría e unha na cociña", precisou Lidia Arguiz, do comité de empresa, o pasado xuño.

A central sindical mobilizárase entón para alertar do despedimento de catro traballadoras do servizo de limpeza e amortización doutra praza ao non cubrir unha xubilación. "As primeiras medidas tomadas por Clece", lamentaron.

"Estas compañeiras levan anos traballando neste centro, o que pasa é que DomusVi, a anterior concesionaria, estívolles encadeando un contrato temporal tras outro. E cando á fin as fai indefinidas, cambia a empresa e bótaas á rúa", engadiron.