É a bióloga da UVigo gañadora da bolsa europea Starting Grant

Sara Varela: "Queremos probar se os cambios climáticos favorecen a aparición e desaparición de especies"

A investigadora viguesa comeza agora o seu proxecto MAPAS. (Foto: Nós Diario)
Coa bolsa de investigación do Consello Europeo de Investigación, coa que vai desenvolver o seu proxecto Mapas, até 2025, na Universidade de Vigo. Un estudo para o que tamén conta coa axuda do programa Oportunius da Xunta. Sara retorna á Galiza desde Berlín, onde pasou os últimos cinco anos no Museum für Naturkunde.

Avante Pouca

Cóntenos en que consiste a bolsa Starting Grant.

Forma parte do Horizon 2020, que é un programa da Unión Europea que fomenta o I+D e trátanse das bolsas máis grandes que podes pedir a nivel persoal. Como investigadora, se tes unha idea e queres levar a cabo unha investigación a longo prazo, necesitas moito diñeiro.

Para entrar neste programa tes que redactar un proxecto no que expliques por que é importante o que queres facer, xustificando que a idea está ben e explicando como o vas facer, é dicir, teñen que ver que o que propós ten sentido e está ben facelo.

O proxecto pasa unhas avaliacións moi estritas, así que, que che concedan a bolsa significa que consideran que a túa idea está ben. Para unha investigadora é unha das mellores bolsas ás que podes optar porque che dá liberdade, podes facer con ese diñeiro o que queiras: contratar persoal, saír ao campo... 

Avante Media

Que trata co proxecto Mapas e cal é a metodoloxía que debe seguir?

O proxecto é moi teórico, queremos saber se o que agora mesmo está estabelecido en Bioloxía e Xeoloxía, o modo no que consideramos que funciona a vida, é tal.

O que temos agora, lévanos a crer que os cambios climáticos, a longo prazo, o que fan é separar poboacións de especies e asumimos que ese cambio favorece a extinción e a especiación, e iso é o que queremos probar: se é certo que os cambios climáticos favorecen a aparición e desaparición de especies.

E se eses procesos están acoutados no espazo ou non, se os sitios onde hai un maior estrés climático é onde aparecen e desaparecen máis especies.

Faremos moitos modelos teóricos de como entendemos que funciona a vida, modelos dinámicos nos que xogaremos con premisas do tipo “a ver que pasa se...” e empregaremos o supercomputador do Cesga (Centro de Supercomputación da Galiza). As biólogas traballamos con moito detalle, imos ao campo e estudamos unha especie vendo as características diferenciadoras dun individuo.

Tamén faremos simulacións climáticas para os últimos 540 millóns de anos. E por riba disto deseñaremos modelos vencellados a especies e á súa posíbel evolución nunhas determinadas circunstancias.

É como xogar, imos xogar para ver se as teorías que temos nos permiten facer mapas con sentido nun marco tan amplo... E logo testaremos co rexistro fósil, é dicir, se o modelo prevé que se dea un gran número de individuos dunha especie nun determinado lugar, iremos ao rexistro fósil para poder verificar se foi ou non foi así.

Avante Toda

Póñanos un exemplo práctico do que se pode conseguir co Mapas.

Unha cousa é a diversidade agora mesmo, a nivel xenético, a escala moi pequena, e outra é ver como funciona a vida a nivel xeral. Con Mapas podemos entender as regras da Bioloxía e sacar conclusións moito máis xerais dela, por exemplo, se atoparamos vida noutro planeta, poderíamos chegar a dicir como debería ser.

O proxecto vai contar coa colaboración dun par de ilustradores. Como é iso?  

Pois si, son dúas persoas: Cirenia Arias e Douglas Henderson. Ela xa traballa coa divulgación científica, por exemplo, no recente Congreso de Muller e Ciencia debuxaba as mesas redondas para recrear o que estaba a pasar, é moderna e axudaranos a conectar co público máis novo.

Douglas Henderson é veterano, traballa con reconstrucións de especies do pasado, é un artista moi bo co que queremos facer cadros novos que ilustren como era o clima no pasado. E organizar unha mostra que se levará a cabo, en principio, en Vigo.