Sara, regueifeira que apoiou ‘Defende a Galega’ no Luar: “Volvería facelo”

Sara (Foto: Cedida)

Recoñécese “abrumada” ante a repercusión da súa actuación, que derivou nunha chamada para levar “unha bronca” e acusala de que “ficase no ar” a continuidade do espazo de regueifas.

“Fica claro que Defender a Galega é máis que necesario”. Sara responde así á pregunta de que conclusión saca da polémica xerada a raíz da súa actuación canda Aurora no espazo de regueifas de ‘Luar’. Unha mensaxe de apoio a ‘Defende a Galega’, o colectivo que leva meses mobilizándose contra a censura e manipulación nos medios públicos galegos, serviulle a Sara para levar "unha bronca" e ser culpada dunha posíbel eliminación deste espazo da 'grella' do veterano programa televisivo.

Atende a Nós Diario 10 minutos antes de entrar a aulas. Recoñece estar “sorprendida” por todo o que aconteceu nestes días. “tanto polo rebumbio nas redes sociais como pola chamada recibida, sobre todo polo ton”. “Eu contaba coa miña descualificación do concurso, non con todo o resto”.

"Para defender a Galega / Dígoche de corazón / Calidade informativa / Menos manipulación"

Esta moza regueifeira explica que a chamada “veu dicirme que meterlle un “gol” á galega estaba moi ben pero que pola miña culpa suspendía o programa, o espazo de regueifa. E que había que pensar as consecuencias das cousas, que a regueifa era unha cousa moi bonita e non tiña que entrar en política. E despois houbo unha serie de ameazas que prefiro non comentar”.

Tamén a súa compañeira Aurora recibiu unha chamada: “Xa foi noutro ton e dixéronlle que o espazo non estaba suspendido pero que podía ser que se suspendera se seguían este tipo de contidos e mensaxes”.

Sara defende a regueifa como algo que non pode estar á marxe do que acontece na sociedade. “A nivel de regueifeiros ou colectivos ligados á oralidade, que non haxa resposta en certos temas, que haxa silencios, tamén me parece política”, manifesta.

“Que se volvería facer o mesmo?”. Medita apenas uns segundos: “Seguramente" E a seguir engade: "Si, faríao”.

Sobre se nestes días sentiu apoios e respaldos, cita sobre todo o recibido da regueifa feminista. “Houbo tamén a nivel de redes sociais, pero aínda non puiden poñerme con iso”.