Sara Quintana: "O Císter promoveu un tipo de vida afastada do luxo"

Sara Quintana
Sara Quintana Vila é historiadora da arte e profesora no Grado de Historia da Arte da UNED de Pontevedra. Prepara para Nós Diario os fascículos correspondentes a Santa María de Aciveiro, a Catedral de Ourense e Santa María de Tomiño. Conversamos con ela sobre Santa María de Aciveiro.

No seu traballo indica que o mosteiro de Aciveiro presenta "ornamentación sinxela e sen grandes alardes técnicos", algo común nas igrexas enclavadas no rural. Tamén di que se crea "un tipo de arte de corte popular que configura boa parte da paisaxe visual do noso patrimonio relixioso." Neste contexto, é  o mesmo "decoración sinxela" que "arte popular"

Non exactamente. Cando falo de decoración sinxela, refírome máis ben á sobriedade nos seus motivos. O Císter promoveu un tipo de vida afastada do luxo. Buscaban a eliminación de todo signo de ostentación e, por suposto, isto incluía á ornamentación nos seus edificios. Reduciuse ao mínimo a decoración de pinturas e esculturas, xa que consideraban que distraían aos monxes do rezo e a meditación. Esta podía ser tamén, aínda que escasa, de calidade. Pero a realidade é que, polo xeral, nestes lugares non se contaba con man de obra moi cualificada, e o resultado foron traballos de tipo popular, de pouca calidade técnica, realizados por obradoiros do lugar aos que as novidades chegaban con un pouco de retraso. 

Os motivos máis característicos de Aciveiro son os de tipo xeométrico e vexetal, se ben é certo que conta con algún motivo de tipo figurativo, estes son os menos.

O mosteiro de Aciveiro tería como unha das súas funcións organizar a produción agrícola e controlar o territorio. Non é iso un pouco contraditorio con fundalo en "lugares apartados non frecuentados polos homes" que din as directrices do Císter?

A Orde do Císter chega a terras galegas durante o reinado de Afonso VII, que se converte no seu principal protector e impulsor, facendo doazóns e tomando os mosteiros baixo a súa protección. Cousa que fixeron o seu avó e os seus sucesores cos Beneditinos. Pero isto non o facían de maneira desinteresada. O que buscaban era manter eses territorios afastados do poder  e dependencia dos bispos e dos nobres, funcionando como contrapeso á súa influencia. É ao que me refiro cando falo de control do territorio. 

Amais disto, eran valorados pola súa capacidade de organizar a produción agraria e de articular a vida rural, porque eran donos de bens e terreos que lles foran doados, e que explotaban como medio de sustento. Pódese considerar contraditorio, pero ese espírito austero  fundacional, pouco a pouco foi mudando. Co tempo fóronse enriquecendo grazas aos numerosos fieis, que trataban de obter remisións dos seus pecados e gañar a vida eterna mediante doazóns de vilas, igrexas e propiedades territoriais. 

 Que motivos destacaría, dentro da sobriedade, como os de máis relevancia do programa iconográfico do mosteiro?

Os motivos máis característicos de Aciveiro son os de tipo xeométrico e vexetal, se ben é certo que conta con algún motivo de tipo figurativo, estes son os menos. Polo tanto non podemos falar dun programa decorativo como tal, pensado e cunha función pedagóxica como noutros templos. Neste caso, a igrexa era para uso exclusivo dos monxes, e estes non o necesitaban. 

Aínda así cabe destacar a concentración de motivos na zona da ábsida, pola súa variedade. 

As lendas acompañan habitualmente estas edificacións, caso das formigas en Eiré. Pode contarnos a relacionada co abade deste mosteiro Gonzalo de Penas no mosteiro de Oseira?

Si, claro. Estes edificios sempre mantiveron un halo de misterio e foron obxecto das máis diversas historias. Aciveiro non ía ser menos. Conta a lenda que un dos seus abades, Gonzalo de Penas, quizais o máis famoso, un día de outono chegou ao mosteiro de Oseira. Ía de visita de cortesía, a encontrarse cun vello amigo e compañeiro de predicacións e rezos. O tempo non o tratara moi ben. Seica a vida no mosteiro debía ser dura, e o monxe Gonzalo camiñaba como podía, sempre acompañado dunha pomba branca, que non o desamparaba nin de día nin de noite. Curiosamente, ese mesmo día Alonso de Lanzós (líder irmandiño) encontrábase nas inmediacións do mosteiro cos seus seguidores, e coa intención de entrar e baleirar as arcas dos monxes. Cando viron achegarse o abade, deixárono pasar pensando que isto lles facilitaría a entrada. No momento en que lle abrisen, aproveitarían para pasar. O monxe petou na porta, e ninguén respondeu. Entón a pomba sobrevoou o tellado e, ao pouco, un home con hábito branco abriu. Lanzós e os seus viron a oportunidade e correron cara á entrada, mais nese intre, un oso enorme, en pé, e con cara de poucos amigos, impediuno.