A súa tese foi premiada pola Real Academia de Doutoras

Sara Mandiá: "É difícil situar ben algúns temas e linguas na literatura científica e é necesario mudar iso"

No centro, Sara Mandiá, na entrega do premio pola súa tese. (Foto: Nós Diario)
A tese da documentalista e comunicadora Sara Mandiá foi merecedora do premio ás Humanidades Dixitais da Real Academia de Doutores e Doutoras do Estado español. No traballo, a investigadora aborda o acceso aberto ao coñecemento, a ponderación dos méritos e as novas plataformas dixitais para a xestión de perfís das investigadoras nas redes sociais científicas. Ademais, a mostra que emprega na súa tese abrangue un total de 2.257 investigadores e investigadoras, das que se estudou o seu comportamento nas redes.

A cantidade de individuos da mostra, leva a pensar que se trata dunha tese extensa?

A tese é innovadora polo tema, que aínda está de plena actualidade, e pola mostra, pero tamén se valorou que o punto de vista é puramente pragmático, no sentido de que ten en conta o tempo, o esforzo e a rendibilidade real de estar na rede en proporción ás citas que acadan os traballos de investigación destes autores e autoras.

O traballo é extenso, con anexos ten máis de 5.000 páxinas, e levoume tres anos.

É unha mostra pensada na investigación española publicada en revistas durante o último sexenio, que daquela era 2011-2016, e había case 3.000 nomes, que logo dun cribado daqueles máis ambiguos, por exemplo, aqueles tan comúns que non podes discernir se se trata da persoa que buscas ou non, quedaron nos 2.257 finais.

Que aspecto destacaría vostede da súa tese?

Hai conclusións de moito interese pero persoalmente destacaría a dificultade para situar ben algúns temas e linguas na literatura científica.

Despois da investigación vese como os índices nas listaxes sempre premia unhas revistas moi determinadas, en lingua inglesa, xa que son publicacións de Gran Bretaña e dos Estados Unidos de América, e iso fai que non se poidan tratar todos os temas se pretendes publicar nos idiomas que son os que che van dar impacto numérico para que a Aneca (Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación), dea o seu valor e poidas cobrar sexenios, acceder a investigar e a financiamento...

Creo que ten transcendencia a necesidade de que iso se cambie, así como agora empeza a haber indicadores de xénero para as revistas, tamén os debera haber nese outro eido. 

A Covid-19 mudou moitos ámbitos da vida, o científico tamén. En que maneira?

En canto ao ensino, é posíbel atopar traballos de moita calidade na rede pero iso tamén implica ensinar as fórmulas para saber lidar nesa ágora que é na actualidade a rede, que ten moitísima información valiosa pero tamén perigos.

A outra vertente é a política, deixa palpábel que a forza do conxunto da sociedade fai que as cousas cambien. Durante moitos anos houbo unha pelexa cos editores para que deixasen abertas as investigacións, polo menos aquelas financiadas con fondos públicos. Agora hai o Plan S, a Coalición S, con países da Unión Europea, que acordaron que partir do 1 de xaneiro de 2021 isto sexa unha obriga.

Ao comezo da pandemia deixáronse abertas as investigacións que se sabía que eran veraces, porque xa pasaran por unha revisión, e de aí que hoxe teñamos a vacina.

Cal é a razón de que fose información restrinxida?  

Non estaban en aberto por cuestións económicas. Un exemplo paradigmático é a Universidade Harvard, que xa nos anos 90 viña reivindicando que as principais cabeceiras da listaxe JCR (Journal Citation Reports) se nutrían de investigacións feitas desde a universidade, que daba material, persoal e fondos...

E, non obstante, as investigadoras publicaban os traballos nas revistas máis importantes de modo gratuíto, pero interesáballes porque as axencias de acreditación valoran estar nesas revistas....

Mais logo, para acudir aos fondos, as bibliotecas universitarias tiñan que pagar millóns de dólares. Todo se nutre de fondos públicos pero os resultados son privados. No outro lado está, por exemplo, o caso do Brasil, onde as publicacións mellor situadas están en acceso aberto, porque para competir é a única alternativa.