Sanxenxo pecha as praias ante a masiva chegada de visitantes

Sanxenxo.
Nos últimos días aumentaron as voces que alertaban da chegada masiva de visitantes á Galiza, na súa maioría, persoas procedentes de Madrid que buscaban acubillo na súa vivenda vacacional para fuxir do coronavirus. Perante a presenza de persoas de fóra da Galiza nas praias, o Concello de Sanxenxo decidiu pechalas, ao igual que os parques.

Praias e parques pechados en Sanxenxo. Así o decidiu o Concello após comprobar a presenza de visitantes, na súa meirande parte de Madrid, nos seus areais. O gabinete de crise do municipio apelou á responsabilidade da veciñanza, "especialmente dos visitantes" e asegurou que fará cumprir as medidas que se tomaron.

O Concello puxo de manifesto que "xa demostrou en novembro de 2002 a súa capacidade de traballo e mobilización para superar unha crise como foi a vertedura do Prestige. É un escenario distinto pero, igual que entón, o Goberno está convencido de que con esforzo, organización e solidariedade superarase esta situación".

Á vez, estabelecementos hoteleiros de Ribadeo, Foz e San Cibrao pecharon as súas portas.

Nas redes sociais abundan as mensaxes de alarma fronte a chegada de persoas que veñen desde Madrid, principal foco do coronavirus. A escritora e colaboradora de Nós Diario, Míriam Ferradáns, sinalaba no seu perfil de Facebook, "Non mo contaron, acabo de padecelo na farmacia. A nosa tensión fronte a súa indiferencia mercando crema solar factor 50 e imaxinaredes que para estar pechada na casa non a quere. E digo eu: os nosos sanitarios teñen que xogarse a vida para atender a súa irresponsabilidade? Por que temos que ofrecerlles cobertura sanitaria?".

Na mañá do sábado, a portavoz do BNG, Ana Pontón, expresou a necesidade de "blindar" Galiza, pechando o territorio galego a entradas e saídas.