Permanece en estado moi grave un dos mozos feridos após caer dun balcón en Sanxenxo

A varanda do balcón que cedeu en Sanxenxo. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Por outra parte, o home de 88 anos ferido de gravidade por unha explosión de gas no seu piso de Ordes o pasado 26 de xullo continúa ingresado no Chuac da Coruña en estado estábel "pero moi grave".

Un dos catro mozos feridos ao caer dun balcón en Sanxenxo (O Salnés) a pasada quinta feira evolucionou favorabelmente baixo vixilancia sanitaria e xa foi dado de alta, mentres outro dos seus compañeiros foi trasladado a un hospital de Madrid, de onde son orixinarios. Un terceiro mozo, o que sufriu as peores consecuencias do accidente, permanece ingresado no Hospital Clínico de Santiago en estado moi grave, mentres que un cuarto xa recibira a alta médica no momento dos feitos.

No caso dos dous mozos derivados ao Hospital de Montecelo, en Pontevedra, un foi o que recibiu a alta domiciliaria o pasado sábado, e o outro mozo foi o trasladado ao seu centro hospitalario de referencia en Madrid. Ambos os dous teñen 19 anos de idade e responden ás iniciais de P.F.D. e M.C.A.. E o que fica na unidade de críticos da capital galega é A.L.M., de 18 anos.

O suceso ocorreu na madrugada da pasada quinta feira nun primeiro piso dun edificio da rúa Madrid de Sanxenxo, cando os mozos, segundo trasladou o Goberno local, estaban apoiados na varanda do balcón e caeron cara ao patio. Na vivenda, propiedade dun deles, había oito mozos naturais de Madrid.

Até o lugar desprazáronse técnicos para supervisar o balcón derrubado e proceder tamén a revisar os demais do edificio por se puidesen presentar tamén un estado deficiente. De feito, esta mesma segunda feira o consistorio confirmou o envío dun requirimento á comunidade de propietarios do edificio para que "reparen e revisen as balaustradas de todos os pisos". Aliás, deberán presentar certificación das actuacións, todo iso nun prazo de 20 días.

Estábel pero "moi grave" o ancián ferido na deflagración de Ordes

Por outra parte, o home de 88 anos ferido de gravidade por unha explosión de gas no seu piso de Ordes o pasado 26 de xullo continúa ingresado no Chuac da Coruña en estado estábel. Fontes sanitarias confirmaron esta segunda feira que se mantén sen cambios, na Unidade de Queimados do hospital e cun prognóstico "moi grave" após sufrir queimaduras de terceiro grao en 45% do seu corpo.

No caso do home de 68 anos trasladado ao Hospital Clínico de Santiago a conta do mesmo incidente, a súa evolución é favorábel e foi trasladado xa a planta após o seu paso pola UCI. Como resultado da citada deflagración resultaron feridas outras dúas persoas, unha delas menor de idade e dada de alta no lugar e outra que foi atendida nun centro sanitario de Ordes.