Ramón García, xerente de Hostalaría Compostela

"Santiago (é) Tapas é un certame que xa está consolidado"

Detalle dos buzóns nos que o público pode votar pola mellor tapa

Este domingo 2 de decembro remata a undécima edición do certame Santiago (é) tapas. Do 7 ao 9 terá lugar a gran final na que se decidirá a tapa gañadora. Falamos co xerente de Hostalaría Compostela, Ramón García, para recoller as súas sensacións respecto a cita deste ano.

 

"Santiago (é) Tapas é un certame que xa está consolidado. Ten un público bastante fiel, que desfruta do evento e nese sentido sempre hai xente que sabes que participa". Para Ramón García, xerente de Hostalería Compostela, o prato forte deste concurso é o público, de quen depende o éxito.

 

Preguntado por que se podería facer para atraer a máis xente, el teno claro: non acomodarse no establecido e renovarse . "É un evento ao que aínda se lle podería sacar máis partido, debemos esforzarnos en perfeccionalo, que non caia nun evento rutinario".  Engade, ademais, que "este ano houbo bastantes cambios como o premio. Se o ano que vén repetimos fórmula organizativa, trataríase de ir conseguindo cada vez máis innovacións e novidades para que cada día teña un atractivo novo e distinto".

 

Na presente edición factores externos, as condicións climáticas, non xogaron a favor do evento. "Este ano séguese un pouco na liña do ano pasado, se ben é certo que o ano pasado tivo a sorte de que fixo un tempo espectacular. Nestes eventos nos que a xente vai polas rúas tomando tapas, iso nótase. Hai locais que si que se queixaron de que había menos xente nas rúas".

 

Canto ás innovacións deste ano, a introdución dunha fase final é, nas súas palabras, un bo modo de manter a clientela expectante. "A fase final é unha novidade deste ano que esperamos que teña boa acollida. O que queríamos era darlle ese toque de competitividade, facelo máis atractivo e interesante. Que haxa máis expectación. Como as tapas finais son votadas polo público, pero preseleccionadas polo xurado, garantimos un pouco que eses finalistas son tapas de total calidade".

 

Está moi pensada para a xente que vive en Santiago en inverno. Non só para os que veñen de fóra.

 

Por último fai unha chamada ás institucións para que apoien unha iniciativa que triunfa na cidade. "Estaría ben que se reforzase a colaboración institucional. Quen estea o ano que vén, sería importante que lle dea un pulo a Santiago (é) tapas, xa que é unha iniciativa que move a cidade. Está moi pensada para a xente que vive en Santiago en inverno. Non só para os que veñen de fóra".