Entrevistamos Lois Lopes (Asociación Hostalería Compostela)

«Santiago(é)Tapas é un certame consolidado»

Presentación do Santiago(é)Tapas. Lois Lopes é o segundo pola dereita (Hostalería Compostela)

Falamos con Lois Lopes, membro da directiva da Asociación Hostalería Compostela, após comezar o evento máis significativo desta entidade na capital galega, un encontro social coa gastronomía que ademais ten premio.

O XII Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago, é un evento organizado pola Asociación Hostalaría Compostela que ten entre os seu obxectivos principais incentivar a cultura gastronómica, dinamizar á cidade nun mes tradicionalmente de menor afluencia turística e amosar a calidade e o bo facer dos nosos hostaleiros e hostaleiras. Esta edición comezou o 14 de novembro e rematará o 1 de decembro. Este ano contará coa novidade do I Santiago(é)Cóctel.

Que significou para a hostalería compostelá que se creara Santiago(é)Tapas?

Para nós moito. É un evento que aproveitamos para dinamizar o sector nunha parte do ano baixa en consumo.

Foi difícil organizarse nos inicios para celebrar este certame?

Non foi difícil. Partiu da iniciativa institucional de Turismo de Santiago e desde o primeiro momento todo o mundo se animou. Compostela foi a segunda cidade galega que se sumou a este tipo de actividade, a primeira fora A Coruña, aínda que había certa tradición mesmo a nivel estatal.

O certame foi evolucionando cos anos

Que novidades trae esta edición?

O certame foi evolucionando cos anos. Para esta edición melloramos os premios á participación e estabelecemos unha modalidade tradicional e creativa que até o de agora non existía. Outra novidade foi engadir os cócteles, unha demanda do sector da noite. A nosa sorpresa foi que se sumaran tantos restaurantes!

Santiago(é)Tapas comparte espazos e momentos con outros eventos que teñen lugar estes días. O caso de Cineuropa beneficiou ao voso certame?

Cadramos no tempo e cédenos unhas entradas gratuítas que non empregamos como premios. Hai que traballar en rede co resto da vida social e cultural que ten a cidade.

Hai que traballar en rede co resto da vida social e cultural que ten a cidade

Que ten Santiago(é)Tapas para que teña tanta participación da cidadanía?

O certame está consolidado e hai xente que agarda cada ano para que comece. Funciona moi ben aínda que sempre engadimos novidades para non caer na rutina. Quero salientar a auténtica implicación do sector no propio evento. Reflíctese na calidade e cantidade de tapas que se presentan. Como exemplo temos que Vigo, unha cidade máis grande, conta con menos participación que en Compostela. Os locais mesmo antes do verán xa andan a facer probas das súas tapas. Di moito do noso sector.