Santiago Pemán, "o home do tempo por excelencia", galardoado coa Medalla Castelao

Santiago Pemán, nunha entrevista no Luar da TVG en 2016.
O Goberno galego tamén recoñece a Xosé Luís Saco Cid, catedrático e expresidente da Fundación Otero Pedrayo, a xornalista Esther Eiros, o mestre e promotor da integración xitana Manuel Vila e o Centro Superior de Hostalaría da Galiza.

O Goberno galego acordou recoñecer a Santiago Pemán, a quen o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, definiu como "o home do tempo por excelencia" na Galiza, coa Medalla Castelao. "Desde a entrada na TVG en 1986 asentouse como a persoa que nos ofrecía a información meteorolóxica xunto cunha chea de refráns, con especial énfase no mundo do mar", destacou.

Máis galardoados

Ao termo da reunión semanal do seu Executivo, o Presidente tamén confirmou que os outros catro galardoados con esta distinción na súa edición de 2021 serán Xosé Luís Saco Cid, catedrático e expresidente da Fundación Otero Pedrayo, a xornalista Esther Eiros, o mestre e promotor da integración xitana Manuel Vila e o Centro Superior de Hostalaría da Galiza.

A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil que concede a Xunta e que recoñece a achega artística, literaria, intelectual ou en calquera ámbito significativo para Galiza.

Este galardón entrégase cada ano o 28 de xuño, para conmemorar o retorno a Galicia dos restos do intelectual galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.