Santiago adecúa un macroespazo para recibir residuos doutros vertedoiros da Galiza

Un aspecto do vertedoiro

A Xunta concedeulle a Eyrega, Áridos CNC e Tecnosolos Galaicos autorización por 20 anos para o tratamento de lixo procedente doutros lugares que depositarán 1 millón de m³ nunha superficie equivalente a 6 prazas do Obradoiro. “Sogama recicla 3% de todos os residuos que recibe, que son 800.000 Tm/ano; o resto vértese neste tipo de vertedoiros en B”, advirte Fins Eirexas, representante de Adega.

A canteira e o vertedoiro de Miramontes non dispoñen dun valado perimetral que impida acceder ás instalacións, como require a autorización ambiental, ademais de ter balsas de líquidos sen o debido illamento que provocan a preocupación da veciñanza da parroquia de Grixoa que non dispón de traída municipal e obtén a auga de pozos e mananciais.

Santiago de Compostela conta cun vertedoiro con autorización de residuos non perigosos para a restauración do espazo natural da canteira de Miramontes, xestionado por Eyrega, que está a recibir materiais procedentes doutros vertedoiros e de empresas, cando a previsión inicial era encher este espazo con areas, terras e lodos xerados alí mesmo nas instalacións propiedade de Áridos CNC e con restos “procedentes de diversas actividades industriais de construción”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Na parroquia de Grixoa, as gaivotas guían a vista cara ao clásico vertedoiro de lixo sen apreciaren ningún tipo de separación previa de residuos. Saben que nin se reduce, nin se reutiliza nin se recicla como se debera. Restos de comida, plásticos, cartóns, metais, redes e rodas amoréanse formando unha montaña que medra. Na base, unha cuberta negra de impermeabilización.

Un proxecto en expansión

No proxecto inicial deste vertedoiro, os líquidos que escoan -os lixiviados- debían ser achegados a un xestor autorizado mais logo solicitouse autorización para dispor dunha estación depuradora que verte 100 m³ ao día ao regato da Rañoa, que emboca no río Finde. Por outra parte, a canteira achega os líquidos perimetrais a unha balsa de decantación, de xeito que a parte superior despois de ser centrifugada -o sobrenadante- se verte directamente ao leito do regato sen depuración previa.

Co propio lixo do vertedoiro, Tecnosolos Galaicos, unha empresa constituída hai 3 anos para a rexeneración paisaxística, cobre as ladeiras do outeiro escavado pola canteira, previa mestura con lamas de depuradora, cunchas de mexillón para conformar a área de calcio que rebaixa o PH e unha estruturante mineral inerte que pode ser restos da canteira ou, neste caso, escoura. A materia orgánica para ben integrar un tecnolosolo debera estar compostada, estabilizada, e non se pode mesturar en cru con outros compoñentes, mais a instrución técnica permite o que acontece en Grixoa: construír unha montaña con capas de lixo cunha cuberta vexetal por riba para dar aspecto de paisaxe rexenerada.

“Ese tecnosolo tense que aplicar nun terreo degradado, mais aquí non se fai no vaso da canteira senón na ladeira onde había un prado e vexetación de monte baixo, cun vertido que escoa cara á pendente e cando chova vai deitar eses compoñentes sobre o val e as explotacións agrícolas e gandeiras”, explica Fins Eirexas, representante de Adega. “A aplicación é irregular, porque estes solos non necesitan de ningunha emenda orgánica nin de ningunha corrección; isto é unha vertedura directa”, engade.

 

 

“En Adega temos detectado casos similares nas Somozas, nas Pontes e en Narón, mesmo en prados para pasto de gando, de láminas de depuradora en cru e iso xustificado como emenda orgánica”, sinala. Nas Somozas son verteduras de aromáticos policíclicos, metais pesados e contaminantes que van ser incorporados pola escorrentía aos cursos de auga e ao val onde hai explotacións gandeiras e agrícolas que reciben unha enxurrada de augas contaminadas procedentes destes residuos.

Un vertedoiro en B de Sogama

“Isto é outro vertedoiro en B de Sogama, teñen que desfacerse dunha serie de residuos que son molestos porque ese sistema de tratamento ineficiente xera máis residuos”, advirte Eirexas. Os propios datos da empresa indican que Sogama recicla 3% de todo o lixo que recibe, que son 800.000 Tm/ano; o resto vértese neste tipo de vertedoiros en B.

Adega mantivo unha xuntanza coa veciñanza afectada de Grixoa coa que compartiron información sobre a posíbeis infraccións ambientais, ao tempo que lle solicitaron á Consellaría do Medio Ambiente copia dos permisos, autorizacións e analíticas correspondentes das verteduras para verificar o grao de cumprimento da normativa.

Grandes contedores de líquidos

Noutra zona, no alto da canteira, atópanse contedores abertos que desprenden mal olor con líquidos etiquetados como “aceite para filtrar - ensilado de fígado de peixe” da empresa Biomega Nutrición, que recibiu 3,9 millóns de euros da Xunta para a súa instalación en Boiro pese á advertencia da UE realizada en 2012 de que incumpría un regulamento comunitario sobre pesca ilegal. Tamén hai mostras rotuladas de Sologas que, dende xaneiro de 2017, dispón de autorización para o tratamento de residuos líquidos perigosos na planta das Somozas, que se unen aos lodos de depuración, subprodutos animais non destinados a consumo humano (SANDACH), residuos orgánicos e inorgánicos. Hai mostras de Harinas Reyes, pese a que esta empresa instalada no parque empresarial do Campiño, en Pontevedra, xa conta con Autorización Ambiental Integrada (AAI) necesaria ao superar as 300 toneladas diarias vinculadas á produción vexetal. Outra leva o nome de Ría de Noia, onde a Xunta ten previsto investir este ano 285.000 euros na dragaxe do seu leito cheo de materiais pesados, e tamén figura o nome de Albada, a planta de tratamento de residuos sólidos urbanos de Nostián, na Coruña. 

Este vertedoiro de Miramontes está autorizado para recibir 80.000 Tm/ano, cando Santiago de Compostela produce 30.000 Tm/ano. Deste xeito, non se está a seguir un dos principios básicos da ecoloxía de evitar o desprazamento de residuos a lugares afastados de onde se xeran para seren tratados.

Sen peche perimetral

Na autorización deste vertedoiro, a Xunta condicionou a declaración de impacto ambiental a dispor dun “peche perimetral de malla metálica, de tipo cinexético, que impida a entrada de animais, cunha altura non menor de 1,5 m sobre a rasante do terreo”. Tanto a canteira como o vertedoiro non contan cun valado que impida acceder ás instalacións, dunha superficie de 4,5 hectáreas, o equivalente a 6 veces a praza do Obradoiro.

Nese mesmo documento figura que “para  todo  o  ámbito  de  traballo  se tomarán  as  medidas  necesarias  para  garantir  a ausencia  de  arrastres  sólidos  e  escorregas  que  poidan  rematar  directa  ou indirectamente nas augas superficiais e subterráneas”. Mais na actualidade hai, cando menos, dúas grandes balsas onde se acumula líquido viscoso de cor escura que desprende burbullas froito dun proceso de fermentación química, ademais do característico olor a putrefacción do que se queixa a veciñanza da Grixoa. Estes depósitos non contan con sistema de protección visíbel nin tampouco semellan ter impermeabilización do solo; están escavados e delimitados por granito, xabre e terra.

Este é outro dos motivos de preocupación dos habitantes da contorna que non dispoñen de traída municipal e obteñen a auga de pozos e mananciais próximos a este lugar. A asociación veciñal “Monte Longo” mantivo tres xuntanzas entre marzo e abril tanto co alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, como co responsábel de Medio Ambiente, Xan Duro, para poñeren no seu coñecemento esta situación e a súa inquedanza porque en Grixoa cada vez ven circular máis camións cargados de pilas e do Sergas cara ao vertedoiro, explican.

Entre os sistemas e procedementos para evitar as verteduras que figuran na autorización, determínase que se “extremarán as precaucións, retirando o antes posíbel os vertidos derramados para evitar a contaminación de solos e augas subterráneas”. “Para todo o  ámbito de traballo tomaranse  as  medidas  necesarias  para  garantir  a ausencia  de  arrastres  sólidos  e  escorreduras  que  poidan  rematar  directa  ou indirectamente nas augas superficiais e subterráneas”. Advírtese ademais que “se estas anomalías implican riscos para a saúde das persoas ou poden prexudicar gravemente o equilibro  dos  sistemas  naturais,  suspenderase inmediatamente a actividade”.