O 'tour' sanitario dun médico no Salnés: tres centros de saúde nunha mesma xornada

O sanitario comezou a xornada no PAC de Baltar e rematou no de Cambados. (Foto: Nós Diario)
O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo decide adiar cirurxías "non urxentes" pola falta de medios derivada da repunta de contaxios da Covid-19.

A falta de profesionais no sistema sanitario público da Galiza, agravada durante o verán polas múltiples vacantes que deixa o persoal que marcha de vacacións e que en boa parte non se cobren, provoca que os poucos efectivos que quedan en nómina asuman a carga de traballo das súas compañeiras e compañeiros.

Así, segundo vén de denunciar a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza, o pasado domingo un médico do punto de atención continuada (PAC) de Cambados viuse obrigado a facer un 'tour' sanitario pola comarca do Salnés.

"Comezou a mañá no PAC de Baltar (Sanxenxo), a continuación fixo a tarde no de Vilagarcía, e, por último, a noite no PAC de Cambados", explican desde esta entidade, e ironizan con que "afortunadamente o trasladaron de PAC a PAC en taxi, todo un detalle".

"Así organiza esta dirección as urxencias extrahospitalarias", lamentan. Aliás, desde a CESM sinalan que a organización das gardas de Medicina Interna no Hospital de Montecelo, en Pontevedra, "deixa moito que desexar e ten numerosos facultativos fartos de tanta discrecionalidade".

Critican que non exista "cadencia ningunha" nun reparto que "non é equitativo" entre todas e todos os profesionais que realizan gardas neste centro, no que a situación do servizo de Urxencias, afirman, segue a ser crítica.

Contra as 21 horas desta quinta feira quedaban pendentes de ingreso 20 pacientes, e a primeira hora desta sexta, sete aínda non tiñan asignada unha cama, lamentan desde a CESM Galiza.

O Cunqueiro adía cirurxías

Por outra parte, o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo está a reprogramar estes días cirurxías consideradas "non urxentes" por mor da repunta de ingresos de persoas doentes con Covid-19.

Esta é unha medida que non resulta unha novidade no hospital de referencia da cidade olívica, pois durante a pandemia houbo varias ocasións nas que a ocupación de camas polo coronavirus levou o Sergas a adiar intervencións cirúrxicas debido á falta de medios.

Todo isto nunha área sanitaria, a de Vigo, na que no último ano medraron en 20% as listas de agarda para cirurxía, unha problemática que se estende ao resto do país.

En total, segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, paralizáronse no conxunto do país perto de 3.000 intervencións programadas, alén de 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas.