Unha sanitaria do Sergas sobre as ingresadas por Covid: "Á semana o tubo obstrúese e non deixa pasar o aire"

Campaña de vacinación da Covid-19 no mundo. (Foto: Aryan Dhimal / Zuma Wire / Dpa)
Unha traballadora dunha unidade de coronavirus denuncia nas redes sociais a grave situación que teñen as e os doentes. Ademais de ser unha chamada de atención á cidadanía e de lamentar que non haxa espazo para tratar enfermidades que non sexa o coronavirus, a galega advirte: "Esta onda non a surfeamos". 

A preocupación pola presión hospitalaria sucédese desde hai semanas. Os datos de infectadas da Covid-19 son cada vez máis preocupantes e os equipos sanitarios están ao límite das súas forzas. Proba desa difícil situación son as declaracións que foron xurdindo nas últimas xornadas, como unha chamada de atención á poboación galega para autoconfinarse na medida do posíbel.

Esta cuarta feira xurdía unha nova denuncia por parte doutra sanitaria galega que, cunha mensaxe abrumadora e con certa ironía, advertía da realidade que gran parte da sociedade galega non quere ver. Se a xente continúa a facer a súa vida como se non sucedese nada "esta onda non a surfeamos".

Con palabras brutalmente honestas, vén a representar o sentir de moitas e moitos ao falar só por si mesma. Nunha plataforma social explica que, após pasar uns días axudando nunha unidade á que derivaron a pacientes da que é a súa habitual (agora reconvertida en espazo para doentes do virus), regresou a unha quenda das largas na que tivo que ver 13 camas ocupadas por infectadas.

"A metade delas estaban co cú en pompa... Non estaban tomando o sol, non. Para que quede claro... en decúbito prono, boca abaixo, 16 horas. Porque así se respira mellor", lamenta.

A esta mensaxe de alerta para galegas e galegos engade que "a cousa está moi mal". Aliás, nesa mesma noite ingresaron outras tres persoas, todas elas con dificultades para respirar. "Chegaron afogando e metímoslle un tubo pola boca até os pulmóns para respirar", di.

"E pinchámoslles nunha arteria para meter un catéter para controlar a presión arterial de forma continua. E outro pinchazo nas veas do pescozo para ter acceso e pór medicación. Porque precisamos todo iso. Porque como xa o vivimos sabemos que nunha semana precisará moita axuda para respirar porque a esas alturas é cando o destrozo pulmonar "fai das súas". Iso é que o tubo se obstrúe e o aire non entra", insiste no escrito.

De forma irónica, a sanitaria di que as equipas están "agotadas" e que "salvadas" as festas de Nadal, agora queda ver o número de falecementos incontrolábel pola dura acción da Covid-19.

Por outra banda, avisa de que máis vale non enfermar doutra cousa porque non hai medios para atender ás e aos pacientes.