Sanidade segue sen reunirse co colectivo de investigadores

O ministro Salvador Illa e o conselleiro Julio García nunha visita a unha empresa. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
A Xunta paralizou a negociación do convenio coas traballadoras e traballadores de até tres fundacións adicadas aos avances científicos na Galiza.

Os traballadores da Fundación Biomédica Galiza Sur (FBGS), da Fundación Profesor Nóvoa Santos (FPNS) e da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), que engloban gran parte do colectivo investigador e de xestión a nivel hospitalario na Galiza veñen de solicitar ao Goberno galego que retome as negociacións para a aprobación do convenio colectivo do persoal das fundacións de investigación sanitaria da Galiza e denuncian a negativa do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a reunirse con eles.

O diálogo para aprobar o marco regulador das condicións laborais do persoal investigador arrancou formalmente en maio do pasado ano, porén foi suspendido como consecuencia do inicio da pandemia e posteriormente por causa das mudanzas no Goberno galego tras os últimos comicios.

A elección como conselleiro de Julio García Comesaña alterou a composición da mesa de negociación, xa que o actual responsábel de Sanidade formou parte, no seu momento, do equipo negociador como representante dunha das fundacións. A este respecto, os traballadores sinalan que “xa pasou tempo de abondo para que isto non sirva de escusa” para non retomar as conversas.

O pasado 5 de novembro unha representación do colectivo investigador concentrouse no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, aproveitando unha visita ao centro do ministro de Sanidade, Salvador Illa, e de García Comesaña e conseguiu forzar unha entrevista.

Segundo afirman nun comunicado os traballadores das fundación sanitarias, o titular de Sanidade asegurou que nos próximos días terían a data da seguinte xuntanza. A día de hoxe seguen sen resposta ningunha para seguir negociando o convenio e para “dignificar a profesión”. O persoal recorda que “sen investigadoras e investigadores non hai avances científicos” e que “sen ciencia, non hai futuro”.

A Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato do que fan parte traballadoras e traballadores destes tres centros, entende que “os temas pendentes agora na negociación son cruciais: estabilidade laboral, réxime retributivo e a garantía de que o ámbito de aplicación atinxa a totalidade das persoas contratadas a través das fundacións”.

Na mesma liña, afirma que “os comités de empresa atópanse así pois á espera dunha data de reunión para a reactivación da mesa” e manifesta que “o máximo interese” do persoal “é reiniciar con novas forzas e completar o ciclo de negociacións necesario para acadar o mellor convenio colectivo posíbel”.