Sanidade ve “risco de extensión” da cadea de contaxios no surto de Vilanova

Punto Covid-Auto do Sergas (Imaxe: Europa Press)
Este sábado entraron en vigor as restricións implantadas pola Consellaría de Sanidade en Vilanova de Arousa ante a "situación de risco de extensión das cadeas de transmisión" observada nos últimos días. 
 

Após detectarse un surto de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés de 96 casos, 52 deles nunha empresa avícola radicada en Cambados e cuxo cadro de persoal reside maioritariamente en Vilanova e Vilagarcía, a Consellaría de Sanidade acordou estender as medidas restritivas contra a pandemia ao concello de Vilanova de Arousa.

As limitacións rexen desde este sábado, 26 de setembro, e xustifícanse, tal e como recollía onte o Diario Oficial da Galiza (DOG), cun informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que alerta de que este municipio e o de Vilagarcía, onde xa se adoptaron medidas anteriormente, "suman algo máis da metade dos casos totais declarados" no Salnés nos últimos 14 días.

De feito, 60% das e dos positivos rexistrados en Vilanova "foron nos últimos cinco días", coincidindo co gromo na planta avícola con 52 contaxios entre o seu persoal -os casos ascenden a 96 de sumar as e os contactos positivos-.

Así, este concello mostra non só a taxa acumulada de infeccións "máis alta de toda a comarca" en tres días, senón que é máis do dobre da observada para o total da Galiza.

Ademais, a porcentaxe de positivos arroxados polas probas PCR realizadas nas últimas xornadas e o feito de que o número reprodutivo instantáneo estea por encima de 1 -o que significa que cada persoa con coronavirus contaxia a máis dunha- indican que a localidade está "nunha situación de risco de extensión das cadeas de transmisión", tal e como expón a orde publicada no DOG. Neste contexto, para que a situación epidemiolóxica na zona "poida ser controlada", o informe de Saúde Pública en que se apoia Sanidade recomenda estender a Vilanova as restricións, que entraron en vigor a medianoite deste sábado e que serán revisadas nunha semana.

Deste modo, Vilanova súmase ao grupo de municipios galegos con restricións integrado por Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín, Verín e Vilagarcía, ademais de diversas rúas da Coruña e O Milladoiro (Ames).

Verín mantén as medidas

O DOG tamén recollía onte unha orde de Sanidade que mantén as limitacións no concello de Verín ao observarse que a taxa diaria acumulada de contaxios presenta "unha tendencia lixeiramente ascendente", que chega a "máis do dobre" do conxunto da Galiza.

De feito, o informe de Saúde Pública recolle que o número reprodutivo instantáneo na comarca "volveu ascender por encima do 1" e sitúase sobre 1,5. Neste contexto, destaca Verín, a capital, tanto polo "aumento recente de casos como de ingresos" en hospital e a circunstancia de "ter unha poboación moi envellecida".

Reunións de até 10 persoas limitación de capacidades a 50%

Nos concellos con restricións -nalgunhas rúas de Ourense son mesmo máis duras-, as reunións están limitadas a 10 persoas non convivintes e as capacidades dos estabelecementos non deben superar 50% con carácter xeral en locais comerciais, de lecer, centros sociais e locais de restauración e de hostalería.

No caso das terrazas, a capacidade é de 75%, pero o consumo en barra está prohibido. Entre outras medidas que rexen nestas localidades, que deberán ser controladas por parte das autoridades locais "dentro das súas competencias", está a limitación das capacidades a 50% tamén en interiores de lugares de culto, bibliotecas, academias, piscinas e instalacións deportivas.

Así mesmo, redúcese a capacidade de vodas, bautizos e comuñóns -50 persoas en espazos fechados e 100 en abertos-. Estes mesmos límites rexen en actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil, contando as e os monitores.

En canto a mercados ao ar libre e feiras, non poderán superar 50% dos postos habituais ou autorizados, de modo que se limite a afluencia de clientes. Neste sentido, autorízase ao concello para aumentar a superficie habilitada ou estender estas actividades a novos días para compensar as restricións.