Sanidade traballa co escenario da inmunidade de grupo na Galiza en "dous meses"

Área de vacinación no Ifevi. (Foto: Europa Press)

O Sergas recibirá esta semana 75.000 vacinas de Astrazeneca, suficientes para os menores de 60 que a elixan.

O inicio do mes de xuño traerá a Galiza, como xa estaba previsto, unha das grandes remesas de doses das vacinas, sobre todo, de Pfizer, o que permitirá avanzar coa inmunización da poboación co obxectivo de en "en dous meses" conseguir a esperada inmunidade de rabaño, un dos escenarios cos que traballa a Consellaría de Sanidade, que esta semana programa 230.000 inxeccións.

Ademais, esta semana chegarán 75.000 dose de Astrazeneca, o que, segundo manifestou o conselleiro de Sanidade, García Comesaña, garante a subministración para todos aqueles menores de 60 anos que recibiron unha primeira dose e opten por repetir a mesma marca.

Coa metade da poboación galega con polo menos unha dose inoculada, Galiza dará un empurrón esta semana á vacinación, e a administración de 230.000 doses, como confirmou o presidente da Xunta nun acto institucional sobre turismo en Vigo, apura a inmunización dos grupos de idade.

Desta forma, como se avanzou nos últimos días, esta semana acabará a inmunización do grupo de 50 a 59 anos e, a partir do 7 de xuño, comezará a administración da vacina para o colectivo de 40 a 49, para os que está planificada a vacina de Pfizer ou Moderna -que esta semana experimenta un novo atraso a subministración-.

García Comesaña expuxo que se traballa "con distintos escenarios", pero indicou que "non antes dun par de meses" alcanzarase o "obxectivo" de chegar á inmunización de rabaño. "Cando teñamos a previsión, máis ou menos axustada, trasladarémola", subliñou.

Ademais, preguntado pola posta en marcha dun sistema de cita previa para axustar a vacinación, lembrou que será para os menores de 40 anos. Sería "un sistema que combine a citación masiva organizada por parte da Consellaría cunha apertura de ocos de citación para aquelas persoas que por motivos laborais ou outros queiran adiantar o seu proceso".

En canto aos menores de 12 e 16 anos, a falta de que se avalíen no consello interterritorial, sostivo que, se se segue a lóxica actual, colocaranse a final do grupo de idade anterior. "Se non hai novidade, cando corresponde, ao final dos grupos en vigor", dixo, aínda que precisou que haberá que "axustarse" á situación específica.