Coronavirus

Sanidade reforzará "de maneira inmediata" o teléfono de información 900 400 116

Teléfono de información do coronavirus (Europa Press).
A Consellaría suma "catro postos máis" nesta liña de información que canaliza todas as consultas sobre o coronavirus na Galiza.

A Consellaría de Sanidade reforzará "de maneira inmediata" con "catro postos máis" o teléfono de información para a poboación en relación ao coronavirus, o 900 400 116.

Así o confirmaron a Europa Press fontes da Consellaría de Sanidade, que explicaron que se reforzará esa liña de información con catro postos máis "para canalizar a demanda mellor". Isto sucede despois de que usuarios non puidesen contactar ao non ter sinal.

Sanidade puxo o pasado 3 de marzo a disposición da cidadanía o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus, en substitución do número anterior, de pago, 902 400 116. Segundo sinalou, trátase dun número gratuíto no que se "poden resolver todas as dúbidas que os galegos teñan respecto diso" deste coronavirus.

O departamento sanitario lembra que para as persoas con síntomas (febre, tose e sensación de falta de aire) e que volvesen de zonas de risco, ou tivesen contacto con alguén que estivese nalgún deses lugares, "recoméndase non acudir directamente ao hospital ou centro de saúde, senón contactar telefonicamente co 061".