Segundo os dados que manexa o Bloque

A Xunta deriva 86 pacientes da sanidade pública á privada ao día

Reunión do BNG con profesionais e persoas usuarias da sanidade pública galega

A Plataforma SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación en Santiago de Compostela para o próximo domingo 4 de febreiro. O BNG chama a secundala masivamente.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz de Sanidade da fronte política, Montse Prado, reuníronse esta segunda-feira con profesionais da sanidade pública e persoas usuarias de diferentes áreas sanitarias do Sergas. No encontro, todas as presentes denunciaron a “saturación, colapso e deterioro” do servizo, que acusaría as políticas de recortes e privatizacións do goberno do Partido Popular.

 

As traballadoras alí presentes criticaron as condicións de precariedade, estrés e falta de medios que teñen que enfrontar no súa labor profesional diario e que, consecuentemente, inflúe negativamente na atención prestada. “As persoas doentes teñen que esperar en corredores ou salas ateigadas, sen intimidade e sen espazo, até doce horas”, denuncian.

 

“Pasamos de ser doentes a ser clientes”, apuntaba unha das persoas afectadas

 

No caso das persoas usuarias, estas sinalaron o incumprimento dos prazos de atención, as dilatadas listas de espera e as derivacións obrigatorias á sanidade privada, con represalias á propia paciente se reivindica o seu dereito a ser atendida na pública. “Pasamos de ser doentes a ser clientes”, apuntaba unha das persoas afectadas. Segundo os datos presentados pola dirixente do Bloque, Feijóo continúa a reforzar a sanidade privada con este sistema continuado de derivacións, que traspasaría unha media de 86 pacientes cada día. “Isto é síntoma de como se fai negocio a costa da saúde”, engadiu Pontón.

 

Dar a cara pola sanidade pública

 

Logo da reunión, a política nacionalista agradeceu ás presentes que “dean a cara” en defensa da sanidade pública e animou a saír á rúa no vindeiro domingo 4 de febreiro para participar na manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública. “O sistema sanitario galego está infectado por un virus perigoso que nace no laboratorio privatizador do PP e que está inxectando Nuñéz Feijóo ao sistema sanitario, pondo en risco a vida e a saúde das persoas. E fronte a esta situación a mellor vacina é mobilizarnos o vindeiro domingo nunha grande manifestación en defensa da sanidade pública e dos hospitais comarcais”, recalcou.

 

Como mostra deste deterioro, Pontón destacou as alarmantes cifras que está a rexistrar a sanidade pública galega debido á “política de austeridade” que leva practicando o goberno de Alberto Núñez Feijóo. “Desde 2009, Galiza perdeu 3.000 profesionais sanitarios, elimináronse 700 camas nos hospitais e houbo un recorte continuado no investimento, que neste ano recibe 15% menos dos recursos dos que había no ano 2009”, explicou.