Sanidade propón "servizos de atención continuada en remoto" fronte ás gardas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha recente sesión no Parlamento (Foto: Xoán Crespo / Xunta).
"O modelo de atención de garda con presenza física posibelmente non o podemos manter", advirte o conselleiro, Julio García Comesaña.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defende avanzar en "servizos de atención continuada en remoto" ao non poder manter "posibelmente" a garda con presenza física no sistema sanitario. Así o manifestou esta sexta feira, nun relatorio no que participou e que analizou as necesidades, exixencias e oportunidades para modernizar e facer referente un novo modelo de saúde.

"O modelo de atención de garda con presenza física posibelmente non o podemos manter", comentou Comesaña, e, para iso, suxeriu avanzar en servizos de atención continuada en remoto. "Ter pacientes, dispositivos e profesionais dixitalizados é unha posibilidade de dar mellores servizos e mellor calidade na atención aos pacientes", recoñeceu.

García Comesaña participou nesta mesa de debate na que destacou as potencialidades da innovación para o sistema de saúde en todo o referente a profesionais, procesos e equipos. "A innovación está na dixitalización", asegurou.

Nese sentido, explicou que o "gran cambio" na dixitalización dos pacientes chegou coa pandemia, coa aparición dun paciente diferente. "Temos os clásicos que merecen toda a atención, mais agora incorpóranse pacientes máis novos e máis informados, con maiores expectativas", definiu.

"Ter pacientes, dispositivos e profesionais dixitalizados é unha posibilidade de dar mellores servizos e mellor calidade na atención aos pacientes", recoñeceu. Para o titular de Sanidade, a innovación tamén permite incorporar profesionais doutras disciplinas ao sistema de saúde. "Levamos anos incorporando profesionais de tecnoloxías da información e enxeñeiros informáticos e estamos a piques de incorporar a categoría de enxeñeiros biomédicos que se están formando nos hospitais", abundou.

Pola súa parte, o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, destacou o papel dos centros sanitarios como excelentes campos para desenvolver a innovación debido á multidisciplinariedade das e dos profesionais.

Ao mesmo tempo pediu atopar ferramentas para adaptar eses mecanismos de innovación. "Non só prestamos servizos, tamén temos que xerar riqueza, polo que debemos comprar produtos que xeren valor no mercado", engadiu. "Os sistemas deben estar obrigatoriamente preparados para transformarse, é imprescindíbel, que sexamos capaces de adaptarnos", concluíu.