Sanidade pon a funcionar un teléfono de información sobre o Coronavirus

Desde o Chuac indican que as máscaras só serven en persoas enfermas para evitar a propagación.
A Consellaría de Sanidade vén de activar o teléfono 902400116, un servizo de pago, para dar información xeral á cidadanía sobre o coronavirus. A este número poden remitirse as persoas que teñan calquera dúbida e tamén aquelas con síntomas que lles fagan sospeitar de contaxio; conforme os protocolos estabelecidos, o persoal especializado avaliará, ante un caso sospeitoso, a posibilidade de realizar as probas no propio domicilio, para evitar o traslado a centros de saúde e hospitais.

Desde a Consellaría de Sanidade lembran a aquelas persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire...) que volvese ou tivese contacto con xente en zonas de risco que tamén teñen dispoñíbel o teléfono 061 para consultas.

Deste novo servizo telefónico deu conta tamén o actual presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, ao remate do Consello da Xunta de onte. Segundo indicou, a el serán derivadas tamén aquelas persoas que contacten co 061 para cuestións relacionadas coa enfermidade, de maneira que servirá para centralizar a información. A Administración sanitaria indica que no 902400116 "pódense resolver todas as dúbidas que os galegos teñan" sobre o virus. 

Na súa intervención, subliñou que os casos baixo sospeita analizados "até o momento" de coronavirus na Galiza foron negativos, se ben remarcou que as Autoridades sanitarias están "en máxima alerta desde o punto de vista da coordinación, información e actuación".

Tamén informou da comisión interdepartamental de seguimento da COVID-19  impulsada desde a Xunta e na que se integraron, sinalou, "distintos departamentos". O órgano encargarase da coordinación, seguimento e avaliación das actuacións preventivas e paliativas en relación á situación epidemiolóxica concreta na Galiza e no Estado, para adecualas ás recomendacións do Ministerio de Sanidade, do Centro Europeo para a prevención e Control das Enfermidades, da Unión Europea e da Organización Mundial da Saúde.

"O sistema sanitario está en alerta, vixiante e preparado", manifestou tamén onte a xefa de Medicina Preventiva do  Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), María José Pereira, quen apelou á "tranquilidade" entre a poboación.

No caso concreto da Galiza, a doutora subliñou que "todo o sistema está centrado en maximizar as medidas de vixilancia". Tal e como sinalou, o conxunto dos centros sanitarios "saben cando deben actuar en consecuencia" ante un posíbel caso.  Ademais, comentou que o persoal traballa para, no caso de que se rexistre circulación do virus, "dar resposta en tempo e forma". "A día de hoxe pódese facer", afirmou.

Tal e como aclarou ademais a xefa de Medicina Preventiva do Chuac, o coronavirus transmíteno pacientes con esta patoloxía cando teñen tose, falan e contaminan a súa contorna, polo que incidiu na importancia de "controlar os fluídos respiratorios" e de levar a cabo unha "adecuada hixiene de mans continuada", con auga e xabón.

Preguntada polo uso de máscaras sanitarias, a doutora Pereira puntualizou que só serven en persoas enfermas para evitar a propagación do virus, e avisou de que, co uso, estas "deterióranse" e deixan de facer a súa función. Segundo considerou, o seu emprego rutinario "dá sensación de falsa seguridade".