A sanidade penitenciaria segue á espera de se integrar na pública 20 anos despois

Exterior do cárcere da Lama, na comarca de Pontevedra. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
A Galiza vén de reclamar as competencias en saúde penitenciairia que Euskadi, Catalunya e Nafarroa xa teñen transferidas.

Desde xaneiro de 2022 o persoal sanitario de prisións pode acceder á historia clínica electrónica das persoas reclusas na Galiza en virtude dun convenio de colaboración entre a Consellaría de Sanidade e a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias.

Até hai un ano os profesionais de Atención Primaria dependentes de prisións non podían acceder á información clínica das persoas reclusas

Foi a primeira Administración territorial en asinar un acordo destas características, "unha medida absolutamente necesaria" que se demorou case dúas décadas desde que en 2003 se aprobara unha disposición legal para a transferencia ás comunidades autónomas dos servizos sanitarios dependentes de Institucións Penitenciarias.

"Até hai un ano os profesionais de Atención Primaria dependentes de prisións non podían acceder á información clínica das persoas reclusas. É un paso revolucionario, mais supón un avance mínimo a respecto do que tería que ser a integración da saúde penitenciaria no sistema sanitario público", explica a Nós Diario Fernando Blanco, avogado de Esculca, o Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades.

Neste sentido, a semana pasada o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei que insiste na demanda ao Goberno estatal da transferencia á Galiza das competencias na materia, acompañada dos medios humanos, económicos e materiais necesarios.

A saúde en prisión

A sanidade penitenciaria conta cunha Atención Primaria servida por persoal médico funcionario dependente do Ministerio do Interior e cunha atención especializada que prestan os hospitais públicos en virtude dos convenios asinados con cadanseu departamento autonómico de saúde.

"O sistema non é perfecto, pero o realmente grave é que se manteña unha asistencia primaria integrada en Institucións Penitenciarias, que ademais de incumprir unha norma que só obedecen Nafarroa, Euskadi e Catalunya –coas competencias íntegras transferidas– e Andalucía –que comeza a avanzar neste camiño–, xera numerosas disfuncións".

Os médicos dependentes de Interior amosan escasa sensibilidade e unha 'actitude remisa' á hora de rexistrar e notificar as lesións e malos tratos que sofren as persoas presas

Blanco asegura que esta reivindicación histórica fica lonxe de ser unha simple "reclamación formal ou corporativa" xa que supón graves consecuencias para a saúde e protección da poboación reclusa.

"Para nós é fulcral o que xa destacou en 2016 o Consello Europeo para a Prevención da Tortura (CPT) tras visitar varios cárceres, entre eles o de Teixeiro (Curtis), e é que os médicos dependentes de Interior amosan escasa sensibilidade e unha 'actitude remisa' á hora de rexistrar e notificar as lesións e malos tratos que sofren as persoas presas", como xa apuntou en 2014 o Mecanismo Nacional para a Prevención da Tortura.

Escaseza de persoal

Cada prisión das cinco localizadas na Galiza contan cun servizo médico e de enfermaría responsábel da atención primaria de toda a unidade penitenciaria, na actualidade, con cadros de persoal moi minguados. "A reposición dos corpos de persoal é moi escasa", advirte Blanco, até o punto de contar con 60% de vacantes, "o que moitas veces deixa o servizo totalmente desatendido".

É o caso da prisión de Teixeiro. Conta con nove prazas médicas, confirmou a pasada quinta feira, 1 de xuño, a deputada popular Rosalía López, das cales sete están vacantes e unha, próxima á xubilación. 

A atención da saúde en prisión ten características moi particulares, cunha porcentaxe moi elevada de persoas que fai uso de benzodiacepinas ou medicación antipsicótica

Pero ademais deste "problema", o voceiro de Esculca salienta outro fundamental. "A atención da saúde en prisión ten características moi particulares, cunha porcentaxe moi elevada de persoas que fai uso de benzodiacepinas ou medicación antipsicótica". Isto, di, require dun seguimento continuo e especializado "que non se dá e fai das mortes por abuso de fármacos algo habitual".

Doenzas propias e saúde mental

No interior dos cárceres son habituais enfermidades que non teñen a mesma incidencia entre a poboación en liberdade, doenzas que requiren "unha asistencia ininterrompida e coordinada cos servizos de Atención Primaria e Especializada do Sergas", afirma o voceiro de Esculca, Fernando Blanco. 
A presenza de pneumonía vírica e de hepatite en prisión é moi elevada, asegura, "cun seguimento case exclusivo desde as enfermarías", moi insuficiente para o seu coidado e contención.

Tamén a asistencia psiquiatra é escasa, di, malia o forte impacto dos problemas de saúde mental entre a poboación reclusa. "En Teixeiro estiveron sen atención especializada propia durante moito tempo, co único apoio puntual de profesionais externos", que no mellor dos casos acoden aos centros en virtude de convenios de colaboración. O desleixo actual, insiste, urxe a transferencia e integración da sanidade penitenciaria.