Sanidade propón complementos salariais para suplir a falta de persoal en Enfermaría

Enfermeiras de familia afirman que a implantación da especialidade é lenta e desigual nas distintas áreas sanitarias. (Foto: Xunta da Galiza).

Traballadores que fagan ampliacións de xornada o 25 de xuño, día das oposicións de Enfermería, cobrarán un plus de entre 292 e 354 euros

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) pagará un plus de 1.365 euros ao ano a aqueles e aquelas profesionais de Enfermería que fagan 105 horas de xornada complementaria en todo o exercicio. O persoal cobrara esta candidade no mes de febreiro.

Este complemento de produtividade variable (CPV) é unha das novidades da proposta trasladada esta segunda feira pola Administración galega aos sindicatos representados na Mesa Sectorial (CIG, CSIF-CESM, CCOO e UXT).

A CIG e outras fontes afean que, este ano, o plus se empezara a aplicar a partir do 1 de xullo e o cómputo das 105 horas estenderase ata o 31 de xaneiro de 2024 para a súa cobranza en febreiro. É dicir, o persoal de Enfermaría que queira percibir o plus terán sete meses para cumprir este obxectivo.

Iso si, fontes de Sanidade explican que se trata de retribucións da xornada complementaria, unha medida que está prevista para épocas de maior demanda de profesionais, como o verán e o Nadal.

A maiores deste complemento, o Sergas presentou na Mesa Sectorial unha actualización da táboa de retribucións da xornada complementaria para enfermeiros e enfermeiras (regulada xa en 2021), que se empezará a aplicar a partir do próximo 1 de xullo.

Deste xeito, a partir do próximo ano, a realización de xornada complementaria pagarase con 155,89 euros en días laborais e 252,63 euros en festivos, no caso da quenda de mañá e tarde (7 horas); e con 270,70 en laborábeis e 308,31 en noites de sábado e prefestivas, no caso da quenda nocturna (10 horas).

Fin de semana da OPE

Por outra banda, Sanidade pagará entre 292,60 e 354,20 euros a enfermeiros e enfermeiras que fagan quendas a maiores da súa xornada habitual para cubrir as ausencias que se prevén para o domingo 25 de xuño, cando se celebrarán os exames da oposición de Enfermería.

Os sindicatos sanitarios manifestaran anteriormente a súa preocupación por como cubrir os postos das persoas que se presenten ás probas.

O Sergas propón retribuír de forma especial o 25 de xuño (tanto a quenda de noite do sábado 24 como a mañá e a tarde do propio domingo). Os pagos máis altos serán para o persoal que faga quenda a maiores da súa xornada, que cobrará a xornada complementaria máis dous módulos de festivo ou noite prefestiva.

Así, as persoas que fagan a quenda de mañá e de tarde do domingo 25, cobrarán 292,60 euros; mentres que aquelas que fagan a quenda de noite do sábado 24 percibirán 354,20 euros.