Sanidade notifica cinco novos falecementos coa Covid-19

Nas últimas horas rexistráronse cinco novos falecementos pola Covid.

A Consellaría de Sanidade notificou este domingo cinco novos falecementos con coronavirus na Galiza.

A Consellaría de Sanidade notificou este domingo 4 de abril os falecementos de cinco persoas diagnosticadas de coronavirus, que elevan o cómputo de vítimas que deixa a pandemia na Galiza a 2.352.

Segundo detallaron fontes de Sanidade, todos os falecidos presentaban patoloxías previas. En concreto, no sábado morreu un home de 67 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP).

Ademais, faleceron outros dous homes de 55 e 59 anos que se atopaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Así mesmo, este domingo produciuse o falecemento dunha muller de 84 anos que se atopaba hospitalizada no CHUAC, e o dun home de 63 anos que se atopaba ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti ( HULA).

Os datos de Sanidade fornecidos este domingo amosan tamén un lixeiro aumento da presión hospitalaria, que volveu subir até situarse en 213 persoas ingresadas, tres máis que hai un día. Isto prodúcese polo incremento de pacientes Covid-19 en unidades de coidados intensivos (UCI), que ascenderon até 34 -catro máis-, aínda que baixaron lixeiramente os que se atopan en planta, até 179 -un menos-.

Os último contaxios notificados foron 92 -90 confirmados cunha PCR-. Isto supón un descenso de 16 con respecto aos 108 positivos do día anterior.

Porén, como xa informou Nós Diario, o as PCR realizadas nas últimas 24 horas (3.300) continúan por baixo das feitas na quinta feira (ao redor das 5.000). Onte estaban aínda máis lonxe desa cifra, apenas superando as 2.000.