Sanidade non desbota agora “certa transmisión oculta” no brote da Mariña

(Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Recoñece casos "que non poden asociarse" a outros.

A Consellería de Sanidade decidiu levantar as restricións de mobilidade na maior parte da Mariña, coa excepción do Concello de Burela, que permanece pechado, aínda que mantén na comarca as medidas de prevención especiais implantadas en toda a área para frear o brote de Covid-19 detectado a finais do mes de xuño.

Faino "a pesar dos datos positivos dos últimos días", cunha diminución progresiva dos casos activos, tendo en conta que "segue habendo unha importante prevalencia da infección" na zona.

Ademais, recoñece a existencia de "casos que non poden asociarse ao resto dos casos coñecidos", co que "existe o risco de que haxa un certo nivel de transmisión oculta e de que, de reducir as medidas, repunte o brote".

Así o recolle o decreto publicado na tarde desta cuarta feira no Diario Oficial de Galiza e no que se especifica a modificación da limitación de mobilidade na zona, que a partir desta medianoite pasada fica cinguida ao municipio de Burela, onde se concentran a maioría dos casos.

Con todo, a orde si mantén o resto de medidas implantadas na zona, como a limitación de grupos, aforamentos ou horas de apertura de locais, co obxectivo de continuar contendo o brote.

En canto á mobilidade, queda permitida a circulación entre todos os municipios da Mariña, e fóra deles, con excepción do de Burela, onde se limita a entrada e saída de persoas a excepcións xustificadas --como cuestións laborais ou para acudir ao Hospital da Mariña--. Estas limitacións non afectarán a vías que pasen por este concello a condición de que se teña orixe e destino fóra de Burela.

No interior do concello, poderá circularse "sen limitacións", excepto os casos positivos ou os seus contactos estreitos. No entanto, Sanidade recomenda á poboación "limitar a mobilidade aos casos imprescindibles" mentres se manteña a actual situación. As medidas, recolle o decreto, avaliaranse en función da evolución nun período non superior a sete días.